3/15/2006

Reminiscencias do orkut

Acabo de dar coa contraseña que tiña para orkut, o cal di moito de min: poucas visitas ao orkut e non dar pé con bola nunca. E acordoume o inventiño porque mirando e curioseando polas blós, resulta que o que oín dunha vez e que agora non lembro exactamente, vai ser verdade: que a través de 3 persoas (creo que eran 3) que coñeces podes estar relacionado con calquera outra en calquera punto do planeta.

Descubro sorprendida (ou non tanto) que coñezo persoalmente ao dono dunha bló (anque el non o saiba...pero el tampouco me quixo dicir quen era cando me chegou unha sms dun móbil descoñecido e como somos medio rarechos deixamos a cousa así, un bico logo de táboas merecidas). Que me falou el do autor doutra bló, que falei vía irc coa dona doutra, que outras dúas persoas coñecen a unha rapaza que eu tamén, outro fai mención nun momento a outra rapaza que é do meu agrado, un que sospeito que podería ter coincidido no Abastos con outro amigo e outro que a pesar da distancia pode saber quen foi unha compañeira de piso mentres estudiabamos. Despois dentro da xente da escrita xa muda a cousa porque é moi probable que se leven con mestres poetas que tiven...co cal a relación xa se metamorfosea.

Gosto dese feito, de que ao final todos esteamos no mesmo mundo e que igual unha anécdota que unha vez che contaron fose algo que nos pasou a algún de nós.

Isto remata chiscando un ollo a tódolos amigos invisibles que temos. Bicos.

4 comentários:

hojasdehierba disse...

Respecto do das relacións, mesmo hai unha obra teatral (e tamén película), Six degrees of separation, que explora ese aforismo, ainda que elevando a cifra a seis.
Saúdos.

acedre disse...

Outra chiscadela dende os Esteits.

O Breogán de Gáidil disse...

É curioso: o outro día coincidiron "físicamente" Jan de Delft e a Pícara de Allege.

H. P. Lovecraft, autor de relatos de medo, creóu un mundo chamado "as terras dos soños". Ti, soñando, unha noite atopas unhas escaleiras que descenden ó sono profundo, e alí hai un lugar creado a base dos soños da xente... todo un mundo completo con montes, ríos, mares, vilas e grandes cidades; un pode soñar con ter un reino e mandar, outro con ter un xardín e descansar. Nun relato, un policía coñece, desperto, a un arqueólogo (algo así era). O chiste é que, durante un soño, atopa que ese respectable e atarefado arqueólogo dunha grande cidade é o tranquilo e relaxado panadeiro dunha pequena aldeíña.

Por todos os "relaxados panadeiros" desta inmensa rede.

besbe disse...

Levas razón hojasdehierba e o breogán...nunca se chega a saber ao 100% o que anda a rebulir na cabeza dos demais, a masa dun panadeiro pode rematar sendo bola, bolo, chapata, empanada e vaite ti a saber que máis.

Saúdos a Jan, penso nela cada vez que teño ganas de fumar.