3/22/2006

Un ombreiro


Un ombreiro calquera éche moito máis do que parece, riba dun podes chorar, podes atopar apoio para a cabeciña cando cansa de rebulir, podes botarlle unha man e amosar moitos sentementos, podes subilo na busca da ourella e mesmo coa fazula ir a buscalo... cando suben os dous pode que non saibas por que e cando comezas a menealos amodiño o corpo sigue detrás na busca dese baile. Bótalos cara atrás para darlle unha aperta ao lombiño tan castigado e eu polo xeral téñoos castigados a proxectarse cara adiante nunha postura similar ao Pensador de Rodin.

Un ombreiro non é unha articulación calquera, son catro. Se algunha falla o ombreiro non é o mesmo. Articúlase o húmero coa escápula, articúlase a escápula coa clavícula (a través do acromion), articúlase a clavícula co esternón e volvemos a escápula que tamén se articula coa parede torácica a través de dous musculiños que normalmente non sabemos nin que os temos (o subescapular e o serrato anterior). Poderiamos engadir mesmo outra articulación máis, se admitimos esta última, a articulación subdeltoidea.

O conto é que con todas estas articulacións hai moitos máis ligamentos e un lote de músculos cos seus correspondentes tendóns implicados no movemento dun ombreiro.

Quero que non me doia máis e recupere a súa funcionalidade. Sana, sana...
(A parelliña esta ven sacada desta páxina)

1 comentário:

Veloso disse...

Segundo ía lendo o teu comentario, a banda sonora da miña cabeciña confusa prendeuse soa. Sen que eu soubese quen era o pinchadiscos, comezou a soar "Put your head on my shoulder", de Paul Anka. Cousas do subconsciente, supoño. Un saúdo.