7/10/2006

Calquera parecido coa realidade é verdade

Onte de noite pecha, máis que de madrugada, digamos que ás 2:00 horas, descubrín que teño veciño novo. Estaba tendendo a roupa pola ventá da cociña. A ventá do seu cuarto queda enfrente. Vino antes de que me vise, tiña as cortinas recollidas, igual que eu as da cociña. A luz do cuarto alumeaba uns papeis que estaba mirando bastante concentrado.

As cordas do tendal fan máis ruído de noite e coas ventás abertas óese máis, o cal chamou a súa atención. Iso e que as dúas da maña non son horas de tender a roupa. Iso e que igual eramos das poucas persoas espertas a esas horas no edificio. Non me decatei de que miraba ata que quixen voltar a ver o perfil do novo veciño e se me foron os ollos cara a súa ventá. Son eses intres nos que o outro reacciona rapidamente e volta ao que estaba a facer, neste caso, voltou a aqueles papeis. Desta vez, dame que os ollos non miraban, so tentaban captar á outra persoa dentro do campo visual.

Eu seguín tendendo. Non busco posturas nada ergonómicas para a tarefa, máis ben todo o contrario. A ventá dame polo ventre, é moi baixa, que xa mo teñen dito moitas veces, pero a min gústame así. Apóiome nela e boto o corpo fóra mentres tento que as pinzas non se me vaian das mans e caian á terraza da veciña de abaixo. Ás veces meto unha na boca mentres coloco a roupa. Despois dou a volta e a tina coa roupa que está no chan segue alí. Podería tela posto encima dunha cadeira para que me quedase máis a man, mesmo colocala na encimeira ao lado da ventá...pero sempre segue no chan. E eu podería axeonllarme cada vez que collo unha peza de roupa pero no canto, inclínome nun ángulo de 90º de costas á ventá. Cando dou a volta, levanto os ollos e vexo coo o veciño se agocha detrás das pregas da cortina cachado na súa curiosidade. Eu tendo, e un sorriso grande escápaseme polos beizos sen que poida retelo. Dou de novo a volta e collo outra peza de roupa e cando me xiro a luz do seu cuarto está apagada. Gustoume pensar que me estivo a mirar na escuridade do seu dormitorio todo o tempo que botei tendendo, que igual foi para outro lado, pero cada quen pensa o que quere.

Despois comprobei que, cando me inclino, o vestido que levaba súbese case ata o lugar onde as coxas rematan.

Hoxe recollín a roupa, algunha aínda estaba húmida e deixeina. Botei un anaco grande mirando cara a ventá do seu cuarto. Non estaba por aí, pero estivo xa que había dúas toallas no seu tendal, moi mal tendidas, por certo. Cada vez que vou á cociña ou ao meu cuarto (que da cara a súa cociña) miro cara o piso de enfrente.

Quero voltar a ver ao veciño...se eu estivese vivindo outra vida posible, un día coincidiriamos tendendo a roupa, saudaríao. Outro día colleríamos xuntos o ascensor e outro día abriríame o portal ao ver que vou cargada coas bolsas do supermercado. Se vivise outra vida, botaría horas a mirar cara as súas ventás mentres el, dende detrás das cortinas, non deixaría de aledarse polo feito. Un día, algún dos dous se adiantaría ao outro e, ou ben tocaría o timbre da miña porta a pedirme...que nos viñeron pedir os veciños de arriba (tamén estudiantes) daquela vez? Unha batidora. Si, viría a pedirme unha batidora. Cando ma devolvese sería o momento de preguntarlle que que fixo con ela ou algo así. Ou ben, un día, chamaría á súa porta e diríalle:"Ola, que tal? Só era por ver se querías vir ver unha peli á casa, que teño tal cousa. Eu que sei, por se che apetecía." Nesa outra vida diría que si.

Pero iso sería noutra vida.

Agora que acabo de descubrir que son dous veciños, outra vivencia posible acaba de abrirse diante de min.

(Boto de menos ao pito)

5 comentários:

O Breogán de Gáidil disse...

Dúas cousas:

Unha: O Relato, xenial. Gustóume moito, e cecáis esté máis de actualidade ca nunca no momento que vivimos.

Outra: e logo enchéuche o ollo o veciño...?

Anónimo disse...

Foi o Pito que botou...

Quando abres a janela
Para a roupa pendurar
Serei tua sentinela
Até a roupa enxugar

...para ti.

Pitiño

besbe disse...

O veciño enche a curiosidade, o breogán, para variar ;) e meu pito querido:

cando abro a miña xanela,
vánseme os ollos cara ti,
énchome de bágoas, de pena,
cando vostede non está aquí.

besbellinha

O Breogán de Gáidil disse...

A curiosidade é o atrio da atracción, e a atracción todos sabemos onde leva...
E me uno:

Eu non sei moi ben
o que estes dous pretenden;
xuntos é mellor que estén,
Sr. Frodo, non si se me entende.

Para o Pito e a Besbella.

Anónimo disse...

Ben, moi ben o relato. Iso si, bótase en falta unha fotiño para completalo. Como din no meu pobo: é que nós tamén somos de deus...
:P