Viña de Cáceres, cada vez que ía visitar a Roi quedaba alí máis días do debido, parecíalle que así estaba máis preto del. Non lle dicía nada ao rapaz sobre iso porque sabía que sufriría máis. Roi deixaba pasar o tempo, sen pensar moito, sen facer nada e obedecendo, máis por desidia que por outra cousa, as normas internas. Lía, escribía e escoitaba música. Tentaba manterse ocupado a maior parte do tempo e non fixera moita amistade con ninguén. Con quen te vas xuntar no cárcere?
Desta vez, coma das outras, a cara do Roi era coma a do conde Orgaz...estaba morta, pálida, ausente. Mesmo el se deixaba utilizar. Ao pouco de mandalo para prisión, como sempre pasa nestes casos, unha plataforma cidadá comezaba xa a armar rebumbio pedindo a excarcelación de Roi. Despois so pedían o achegamento a Galiza. Non quixen ter nada que ver e Roi continuaba co seu mutismo. Deixaba facer pero non se implicaba nada. Tiña cartas sen ler, de xente que descoñecía e dalgunha que coñecía. Deixou de lelas despois da primeira, a organización pedíalle que fose forte, que eles estaban con el, que fora todo un exemplo para os demais non declarando, que era o bastión do independentismo galego, que ogallá todos tivesen a súa decisión e a súa convicción na loita...e así moreas de verbas imbéciles, incoherentes e falsas. Roi decidiu seguir dando a calada por resposta, rexeitaba visitas e fuxía de situacións que o forzasen a lembrar o que pasara. Nen el mesmo o sabía.
A casa estaba valeira e voltoume ao corpo esa sensación de tristura. Mirei as cartas que collera do buzón e entre as facturas e a publicidade apareceu unha sen remitente. Sentei no sofá ao lado da ventá e abrina. Viña unha fotografía dentro que recoñecín de seguido e dúas cartas dentro, unha para Helena e outra para Roi e para min. Lin a nósa, eran Ulrich e Sven, os "deutsches". Veume un sorriso á cara ao lembralos, foran os compañeiros de piso de Helena... xa pasaran 5 meses dende que marcharan, como coincidiu con todo o rebumbio penso que nin nos despediramos deles. Dicían que Helena non lles respostaba ás cartas, se sabiamos se se mudara de casa, que nos botaban de menos e que a ver se podían vir uns días de novo a Compostela. Non sabían nada. Mandaban tamén unha carta para a rapaza e agardaban que estivesemos todos ben. Unha morea de apertas, que lles gustaría ter novas nósas e que eles seguían sendo do LK.
A fotografía que mandaban fixéraa eu. Estaban Sven, Helena, Roi e Ulrich sorrindo á camara nos Cañóns do Sil. Fora un día de sol no mes de maio que colleramos o coche cara non se sabe onde e remataramos, como dixera Sven, en Falcon Crest. Ogallá as cousas seguisen sempre así. Tería que dicirlles que esa foto nunca máis voltaría a ser posible porque nos faltaba un riso para completala.
(por certo, tamén nos falta hojasdehierba de Hai Cada!, sabe alguén algo dela?)
Sem comentários:
Enviar um comentário