Xa lle tardara moito a chegada da Policía e non lle extrañara nada que lle puxesen vixilancia policial. Non quixo contar nada do interrogatorio pero entre o que ía esclarecendo a prensa e o que el ía expresando co seu comportamento podía concluír moitas cousas.
Polo visto foran 30 bombas colocadas en diferentes puntos dos edificios danados, co cal supoñían que se trataba dun grupo importante de persoas o que argallara a desfeita, un grupo organizado. De momento e tras moitos interrogatorios, controis policiais e demais barullos. o que máis malparado estaba saíndo era Roi, atoparan o seu teléfono tirado polo chan e podíase adiviñar que andaban a buscar os destinatarios das últimas chamadas e pesquisaban as últimas chamadas pra ver de onde viñeran. Todo ía indicando cara o mesmo sitio, unha moza que se perfilaba como a cabecilla do grupo, tendo en conta os testemuños doutros interrogados e grabacións e fotografías conseguidas das últimas manifestacións e actos organizados no entorno dos sospeitosos.
Iso era o que traía o xornal dese día. Roi collérao e negaba para si mesmo coa cabeza mentres ía lendo. Mirou para Xelís e seguiu negando. Descoñecíase o paradoiro da moza e xa estaban a piques de identificala, aínda non publicaran fotografía ningunha porque todos andaban con moita cautela e non querían alarmar máis á poboación que acababa de sufrir tan duro golpe. De feito aínda continuaban sacando mostras de ADN para identificar algúns cadáveres.
Xelís acendeu outro pito, estaba claro que non ía ser moi boa época para deixar de fumar. Seu irmán non lle dicía nada, el non insistía. Xa estaba intuíndo como remataría a cousa: se non daban con ninguén máis deteríano porque tiña tódalas trazas de culpable, pasaría a prisión preventiva e tardarían anos en saír o xuízo. Con sorte, o cárcere estaría preto, con sorte os amigos formarían unha plataforma pedindo a excarcelación, con moita sorte e coa súa colaboración igual non era tan grave a cousa. Pero Roi non colaboraría, de feito non colaboraba.
Xelís tampouco cría que Helena fose cabecilla de cousa ningunha. Pero tampouco nunca crera que seu irmán poidese ser un terrorista. E menos imaxinar que a fidelidade a unha idea poidese comprometer dese xeito unha vida e acabase afectando a tantas outras.
O pensamento dos dous pousouse na faciana de Helena. Negaron os dous ao mesmo tempo. Noutro recuncho da cidade unha foto con ese mesmo rostro enrugábase nun cinceiro porque alguén lle estaba prendendo lume mentres un xesto de satisfacción agromaba na súa cara.
Sem comentários:
Enviar um comentário