A paisaxe que se vía dende a ventá era fermosa, ao lonxe unha morea de ondulacións cobertas das cores dos castaños, das uces, das aciñeiras, dos carballos e de tantas outras especies, facían que pensar na chaira castelá provocase agorafobia. Non, non era esa a palabra...a ela producílle unha sensación de baleiro, soidade e ausencia.
Mentres se dirixían á casiña que alugaran, vira árbores e máis árbores no camiño, montes calmos e vales coma os dos contos que escribía cando era pequena. Mesmo se pararan a observar o plegamento de Campodola por petición propia, sempre gustara da xeoloxía anque pouco podería contar agora do tema, esquecíaselle todo. Estábase lembrando agora da imaxe do plegamento, hai case 500 millóns de anos a Terra decidira moverse e facer acabalgar aquelas moreas de materias estratificados uns por riba doutros. Agora, por mor da choiva, do vento e de todo aquelo que nos daba tema de conversa nos ascensores, viamos so o sinclinal, deitado e repousado, agardando sen saber a ciencia certa o seu futuro dentro doutros 500 millóns de anos. Despois dese momento desexou por uns intres transformarse nunha ninfa para habitar aqueles marabillosos lugares, despois pensou nos homes, nos deuses, na destrucción e lembrouse do que estaba a facer alí.
Precisaban implicación por parte da xente, darlles motivos para a loita, facer posible a combustión. "Precisamos dun catalizador", dixera Daniel, "Xa sabes, un discurso contando a represión que nos rodea, ti deso sabes, dáseche moi ben o discurso." O discurso precisaba de palabras xa por todos sabidas, represión, o País, independentismo, organización, estado español, política opresiva social, caciquismo, aplicación terapéutica da violencia, simboloxía fascista, víctimas do terrorismo machista e patriarcal, autodeterminación, Galiza livre e combativa, denuncia, política lingüística, non ao soberanismo, marbellización mesmo podería chegar a valer nun momento dado...
Mingos prometéralle que despois daquelo todo remataría, que so precisaba identificar á xente que ía acudir, que lle daría el persoalmente a información ás autoridades que xa estaban sobreaviso. Pero diante deles tiña que amosarse como unha líder agora que llo pediran, despois todo remataría, prometérallo. Ela pensaba que xa estaba indo demasiado lonxe, quería rematar con aquelo xa. Cando chegaran todos á casa alugada aledouse moito de non atopar a Roi alí, ao mellor facía mal en tentar mantelo apartado, pero era dos poucos que non quería ter que denunciar.
Tras o discurso de arenga, polo que o Daniel e o Marcos a felicitaron moi sinceramente e con cara de estar realmente sorprendidos, foi para o cuarto. Botou media hora sentada na cama cravando os ollos en ningún sitio. 18 de xuño, hoxe marchaban os "deutsches" e onte non os vira en todo o día, nin de noite (houbera festa) e hoxe pola mañá cos nervios nin se lembrara de deixarlles anque fose unha tarxeta de despedida. Voltarían o mércores pola mañá a Compostela e despois chamaríaos a Berlín se atopaba o teléfono. Pensou no seu móbil, debeu de deixalo encima da cama mentres metía a roupa na mochila. Pero ela tiña a imaxe clara de telo metido no bolso. Esqueceuno. Dispúxose de novo a baixar cara a lareira da casa onde estarían todos os demais. Xa ulía a churrasco, colleu aire e botouno lentamente baleirando o peito. Ultreia abriu a porta e baixou as escaleiras cun sorriso na cara.
"Todo rematará pronto e ben", ía repetindo a modo de mantra Helena.
(Comunicado: xantar do blogomillo o domingo 30 de xullo no San Clodio en Compostela, razón e reservas na casa de dorfun)
1 comentário:
O xantar do Blogomillo ofreceulles este capítulo.
;)
Enviar um comentário