4/07/2007

Soños, ríos e poesía

Nin recollemento nin nada, a semana santa non está feita para min.

Teño que dicir ao meu favor que o xoves vía vir o meu vía crucis particular e o doutros achegados debido a certos acontecementos que han de influír nas nosas vidas (agardo que para ben) e que podían traer consigo estigmas nas nosas almas, pero pecadores somos e o venres xa estabamos todos repostos dos demos e dos medos e nun chiscar de dedos a vida retornou ao seu feliz cauce.



E a carón do cauce dun río fun o venres a atopar a miña paz interior despois de redimirme co meu primeiro soño en moito tempo.



E vistas as trazas que estaba tomando a semaniña non quedaba outra que ir o sábado ao convite que se nos facía dende casatlántica da man das ramboias periféricas. Ás seis da tarde estabamos en Corme e asistimos na lonxa do percebe, con báscula e chimpín incluído, á Performance literaria e musical coa que nos agasallaban Paco Souto, Suso Bahamonde, Estevo e Davide Creus, María Lado e Lucía Aldao e o artista convidado: un rapaz alemán que co seu ding dong e o danke anke nos fixo participar nas rimas teutonas. Colaborando no evento estaba por aí un dos percebeiros máis queridos polo blogomillo, Suso Lista, e a xente inquieta e chea de ideas de alg-a.

Teño que dicir, entre avergoñada e sorprendida por darme conta do feito a estas alturas, que era o primeiro recital ao que asistía e gustoume. Foron un golpe nos oídos as voces (des)acompasadas de maria e lucia, embelesáronme as verbas de Suso Bahamonde coa sonoridade da guitarra de seu irmán de fondo, impresiona a forza que bota lu pola boca e o grande que se fai maria cando ensina o que leva dentro, foi moi grata a experiencia alemá con ese outro poeta de nome que non lembro e que maria xa se encargará de decirnos, gustoume Paco Souto con ese cambio de temática e estilo máis tradicional e encantoume o que fixeron os semiespidos irmáns Creus pegándonos versos nos corpos mentres as palabras se nos metían a través dos poros: un ollo dis para un ollo dis-tanto.



Foi tamén especialmente bonito e pouco participativo a última improvisación de maria con "Lonja", unha subasta que estiven a piques de interromper para quedar co poema nesa puxa de versos e subastar algo coma:

e é meu, como eu sempre quixen que ti foses
e ti foxes cara min coa túa boca
de caramelo e sal. e sal de min.
sen querer sal coa túa boca de mar,
de min, de nós.
a túa boca de flor
da que caen pétalos coma se fosen pérolas,
pérolas de amor,
pérolas de sol.
a túa boca de flor
que me regalas na pel,
que é túa, que é miña
e que eu che dou
sen saber que máis dicir
sen saber que máis falar
sen saber que máis falar
sonan badaladas con son de mar,
de norte e de sorte.
sorte a miña por terte,
sempre a sorte que eu digo:
e é meu, como eu sempre quixen que ti foses.

Pero a "Lonja" non se interrumpiu porque daba xenio oír a maria. Estivo xenial.

E hoxe, domingo de resurección...as chagas están pechadas, a catarse realizada e sigo querendo que me lamban feridas (esto xa é rollo cristianocatólico así dando pena para non desentonar coa semana de paixón, que se non mas lamben, xa as lamberei eu)

18 comentários:

Anónimo disse...

Os irmaos creus vinos o ano pasado eu no translittera xunto con moita outra xente.
Estivera moi ben. Moi multimedia e con unha especie de.... non sei, se notaba un traballo previo e facían cousas que daban que pensar.
Xogos de palabras e escenificacións, cousas desas. Molara.

Anónimo disse...

Que fermoso poema! Un pouco de amor e sensualidade para combater os laios da Semana Santa!

moucho branco disse...

uf!, canto axetreo!, :P

agardo que o pasaras ben que ao final diso se trata.

Anónimo disse...

ufffffffffffff

Anónimo disse...

mamainha que poema..... se chego a estar alí compro-o ainda que tivesse que me prostituir pra conseguir os euros, jasús Dior mio!

lourixe disse...

Que terá o mar que sempre lle estamos a buscar palabras para nos apropiar da súa esencia, e sempre escapa!

besbe disse...

Ola cambote, pois a min os Creus si que che me gustaron, foi orixinal o que fixeron. Vamos que creo que se se me cruza outro recital performance por diante con esta xente ou con outro, apúntome a ir de cabeza. Gústame o enfoque que lle dan á poesía, fai que non sexa a palabra maldita e que se probas unha vez che queden ganas de repetir.

Jan, alédome de verte muller :) e gracias polo do poema. A semana santa hai que vestila de laica pero sen quitarlle os festivos para aproveitala como se merece e se é con amor mellor, no meu caso amor fraternal que do outro andamos escasos :D Un biquiño e outro para o breogán.

Moucho, máis axetreo quería, que ao final o de Porto dame que non vai ir adiante, e si que o pasei ben, pena que non fose máis xente.

Harvey faltabas alí ho, que seguro que mercabas o poema e subastabas algún teu e entón seguro que me animaba a mercarche o teu e subastar este :)

Lourixe, pois algo terá, alí en Corme polo menos ten percebes do Roncudo :D

E a ese anónimo...bicos!!

Torreira disse...

A eso chámaselle unha axenda completa que remata con finiquito autolambido...por certo,eu tan so vin unha vez recitar a lucia aldao (mais é impresionante a forza que leva na boca esa muller).Bico e LK

Zerovacas disse...

Debeu estar xenial. Case me dá envexa (xa sabes, ese día eu andaba tomando un çai ollando como se poñía o sol no Bósforo, e esas cousas, :), esas cousas). O bo de todo é que agora entramos nas 51 semanas do ano que-non-son-santas

Arale Norimaki disse...

Que ben o pasades! E que divertida tivo que ser a subasta! Gontxarova (amiga) máis eu botamos un par de noites repartindo versos por Barcelona que a xente tiña que sacar dunha cafetera vella de hoxalata, moito riramos!

A rapaza do arco disse...

Unha alternativa estupenda á semana santa, esas cousas sempre molan, sobre todo se participa xente como a que o fixo aí. Unha pena non poder ir e velo, a min si que me tocaron unhas vacacións de recollemento.

Anónimo disse...

Ola! un blog realmente interesante, visitareiche con asiduidad.
Saúdos

Robert

Anónimo disse...

ai pero qe marabilla atoparse con cumplidos! así dá gusto!
bico besbe.
lu aldao.

besbe disse...

torreira, ten forza a rapaza, ten :) e a axenda de semana santa puido ser máis completa, pero de cando en vez vai ben algo de tranquilidade pascual. bico de volta.

zerovacas...non sei por que non me levaches de viaxe que o çai ese tivo que prestar moito. Ai e estas 51 semanas esperemos disfrutalas moito máis.

Arale, eu paseino moi ben e a subasta a verdade foi unha sorpresa e moi orixinal. E a idea da cafetera está superchula, a ver para cando algo así aquí, que esas cousas danlle vida ao mundo.

Arqueira, sinto o do recollemento (imaxino que forzado) e a ver se esta xente nos agasalla con outra iniciativa destas, que me repito pero é así, danlle vida ao mundo.

robert, gracias o teu tamén está moi ben que xa lle fun botar un vistazo estes días, lémonos por estes lares.

lu, cando son merecidos os cumplidos hai que botalos, bicos tamén rapaza :)

TXARI disse...

aihhhh, peninha de nom sabelo antes que andaba por alíiii!!!!

besbe disse...

anda queeee pois para outra home, deberemos andar máis comunicados todos, agardo polo menos queo pasases ben nesta semana santeira.
bicos!

Danny Raatzke disse...

eu tamén estiven aló, a lonxa do percebe de corme, haber se para a proxima nos animamos os dous a recitar

Anónimo disse...

Agradecese unhas palabras amables. Graciñas (o irmán de Suso Bahamonde)