5/15/2007

Rock en Costa e a Asociación Xurásica



A Asociación Xurásica surxe no 2004 no Castiñeiriño en Compostela, é unha asociación preocupada pola creación de contidos e actividades que aposta polas periferias das cidades e é a responsable en última instancia do Rock en Costa que xa leva 6 edicións. Este ano Rock en Costa ten festa de presentación, o día 16 de maio na sala NASA coas actuacións de Los Ruines, Projecto Mourente e The Homens.



Como surxiu e por parte de quen a iniciativa da Asociación Xurásica?


A Asociación Xurásica naceu aló polo 2004, da man dun grupo de mozas e mozos que vivían ou tiñan relación co barrio do Castiñeiriño. Desde o principio había ganas de facer cousas desde os barrios, de demostrar algo que nos parece evidente: que as cidades son algo máis que un centro que irradia para o resto dos seus habitantes, que nos barrios tamén hai creatividade e ganas de facer cousas.

Cal é o organismo ou entidade que máis vos está axudando?

Como calquera asociación cultural pedimos axudas a diversos organismos. Temos que destacar en especial a colaboración que nos prestan diversas empresas e establecementos do barrio, que, por exemplo, participan como patrocinadores no Rock en Costa.

Hai voces a favor da descentralización da cultura e este ano co Cultur.gal(primeiras crónicas, venres 11, sábado 12, domingo 13) celebrado en Pontevedra dividiu á xente entre as que cre que un evento así se debería realizar en cidades máis grandes e a que pensa que hai que favorecer a vilas máis pequenas. Nas cidades, neste caso na aldea máis grande do mundo, tamén é preciso esta descentralización cultural?

A descentralización é especialmente necesaria en cidades-museo coma Santiago D.C., onde o centro é cada vez máis un escaparate e unha zona de actividades para os turistas. Consideramos que hai que sacar dunha vez da sombra aos barrios, e recoñecerlles o seu papel, tamén como xeradores de cultura. Ao fin e ao cabo, custa o mesmo ir do Obradoiro ao Castiñeiriño que do Castiñeiriño ao Obradoiro.

A Asociación Xurásica coñécese na rede sobre todo por iniciativas musicais. Que grupos se forxaron aí e que facilidades lles da a Asociación Xurásica? Algunha nova promesa para seguirlles a pista?

É posible que se nos coñeza sobre todo polo Rock en Costa, pero desde logo que non é o único que facemos. Desde que empezou a traballar, a Asociación Xurásica fai roteiros e actividades de campismo pola comarca e por outras zonas de Galicia, leva a cabo cursos e campionatos deportivos, colabora coa Asociación de Veciños en moitas das actividades que se fan no barrio... O Rock en Costa é probablemente a punta do iceberg, non o único que se fai...



En canto aos grupos, na Asociación está involucrada xente das bandas que ensaian na Casa Xurásica, de onde saíron Fame Neghra, Street Fighter (onde estivo Xocas) ou Redullos (que deron o seu concerto de despedida na anterior edición de Rock en Costa), xa desaparecidos, ou os actuais Samesugas e The Homens. Agora mesmo están empezando a pisar as táboas os Royalties, aos que poderedes ver o 2 de xuño no festival, un grupo de punk rock con xente dos Redullos, unha apisonadora. Somos todos xente bastante apegada á filosofía hardcore do "faino ti mesmo", e iso é o que merece a pena. Hai unha especie de comunidade rock no Castiñeiriño que o resto do planeta ten que coñecer, hahaha...

Que tal foron as anteriores edicións do Rock en Costa? Que agardades da de este ano?

O Rock en Costa foi cambiando e medrando ano a ano. Naceu precisamente con iso do "faino ti mesmo": unha vez ao ano, os grupos da Casa Xurásica sacaban os amplis e os instrumentos á rúa que hai enfronte dos locais e facían unha festa para mostrarlle á xente do barrio –que nos sofre con moi bo humor- e a quen quixese darse por aludido o que se cocía alí dentro. Despois comezouse a convidar a algúns grupos de fóra da Casa, ata que, no 2005, coa Asociación xa montada, a cousa pasou a maiores. Desde entón o festival faise no campo da festa do Castiñeiriño, máis ou menos coincidindo coas festas do barrio, aínda que sempre montamos algunha cousa paralela, no caso deste ano a festa de presentación do 16 de maio, na sala Nasa.

Por que o achegamento a Portugal no Rock en Costa? Como surxiu esa posibilidade?

Ademais desa condescendencia que se ten habitualmente cos barrios, outra cousa que nunca comprendemos moi ben é o muro de ignorancia mutua que hai entre Galicia e Portugal. Os grupos da Casa Xurásica colaboran desde hai tempo coa xente de Audiência Zero, outra asociación radicada no Porto que aposta polo intercambio sónico entre un país e o outro. Esta é a nosa contribución a ese achegamento, e a verdade é que sempre nos foi moi ben: o ano pasado os d3ö, de Coimbra, deixaron pampo a máis de un, e temos a certeza de que o 2 de xuño vai pasar o mesmo cos Act-Ups, de Barreiro, ao lado de Lisboa, que son un grupazo. Temos grupazos aí ao lado e non nos queremos nin dar conta, e iso é ben triste.

Que estratexias seguistes para promocionar o evento? Cal é a que mellor funciona, tendo en conta que a mayor parte do público non é do Castiñeiriño?

Basicamente dar a chapa por terra, mar e aire, como saberedes a xente que estades na lista de correo, hahaha... Logo funciona moito o boca a orella, e cremos que a xente xa empeza a familiarizarse co festival.



Máis nada por hoxe, so decir que nos vemos todos mañá na presentación do Rock en Costa 2007 e moita sorte co evento. (Se hai algo máis que engadir, adiante)

Pouco máis, só pedirvos que veñades primeiro á Festa (debuta Projecto Mourente, e iso, ademais de que só vai pasar unha vez na historia, vai ser coma o concerto aquel dos Pistols en Manchester, todo o mundo quererá ter ido) e logo ao Rock en Costa, que este ano prometemos que non se acaba a cervexa.

Gracias!



Gracias a vos por organizar estes eventos, vémonos!

2 comentários:

Anónimo disse...

Concordo 100% é o concerto ó que todo o mundo quererá ter ido.
Eu xa teño o meu billete!!

Anónimo disse...

anuncia-me aí chavalaa!


2 de Junho @ CATORSSE (Ogrobe) 00:30-03:30