Dixo hai uns días unha amiga que Inditex decidiu esta tempada que as adolescentes serían rockeiras/punkis. Tati Mancebo está propoñéndonos que esta tempada sexamos Culturpunkis.
A min paréceme unha moi boa idea, eu tamén quero Culturgal 2009.
Acontece, en todas as circunstancias, que viñan para salvarnos con palabras de alento, maleándonos brandas. Despois vendéronnos e aplastáronnos igual que os dinosaurios fixeron cos homes.
Viñan para salvarnos, a salvarnos da imposición dun idioma que esmorece, a salvarnos de Xurxo Souto, a salvarnos das Vacas Tolas e Caixas Negras, a salvarnos de libros, de teatro, de todo o que poida facernos pensar en Galicia, de todo o que nos distingue, de todo o que se fai aquí. Viñan para salvarnos despois das enanas vermellas.
Infórmannos as lesmas, os dinosaurios, os que viñan a salvarnos, que outro mundo non interesa
Pero éche o mesmo, isto foi o que se escolleu, porque seica estabamos fatal.
Arrólome mirando este teatro con papeis de mansas ovellas e no fondo, matarilerilerón, dirasme “os cans pastores sempre foron tan bonitos...”
Eu sei que no ano 2000 os adxudicatarios das obras do tramo da alta velocidade que queda a carón da miña casa foron OHL e a súa filial Guinovart & Obras y Servicios Hispania, pertencentes ao GRUPO VILLAR MIR. Villar Mir, famoso de xeito vergoñento e con atisbos de corrupción polo caso da mina de Serrabal. Dubido que este home sufrise as consecuencias do seu comportamento. As obras finalizaron no 2005. Tiveron que facer un túnel e durante días, ás 3 da mañá, os cristais das ventás tremeron por mor dos estoupidos. Cando menos non houbo fendas nas casas cercanas, pero o descanso dos veciños rompeuse esas noites. Tiveron que facer pontes para o paso das carreteras por riba das novas vías. Unha delas tirárona 2 veces porque o terreo non aguantaba, anque os estudos xeolóxicos tiñan moi claro que si. Á terceira foi a vencida, pero estiñaron as fontes todas que alí había canalizando as augas subterráneas cara o río. Manaron anos e o tren xa non para na miña casa.
O río que pasa a carón da miña casa é o Lengüelle. Ven de Cerceda, onde está Sogama, onde está Areosa, onde está Danigal. Sempre considerei á auga do río, a das fontes, unha das cousas máis sagradas do mundo: sei a forza que ten cando hai enchentes, da beleza en primavera mentres andamos a pescar e sei dos veráns con risos nas súas augas frías. Sei que o que se facía en Sogama (a da Xunta, a de Fenosa), río arriba, era contaminar as augas que pasan a carón da casa. Sei que os responsables botan terra por riba da porcallada pensando que se continúan agachando os feitos, non imos pedir explicacións. O que non saben é que a auga na que lavan despois as mans está tan contaminada coma o Lengüelle o estivo en cada verquido e os responsables deberían, metaforicamente, estar coma as troitas eses días: mortos.
Dóeme a cabeza e penso nas pílulas enterradas en Cerceda, penso nos hospitais. A semana pasada foi de infarto: de urxencias no aínda chamado Juan Canalejo a urxencias no CHUS en Santiago, foi neste último onde vin unha situación deprimente: cortinas suxas manchadas de sangue, o barullo da feira e móbiles soando diante de cartaces que pregaban silencio e teléfonos apagados. Os familiares campando a pracer por urxencias, facendo de enfermeiros dos pacientes diante de cartaces nas paredes denunciando a diminución do persoal de urxencias. Sei que é deprimente, sei que é de vergoña, sei que me estou enfadando.
Sei tamén que me enfadei hai uns días. Cando acudín a unha ortopedia solicitando unha serie de aparellos precisos para o meu traballo. Cando me dixeron que non oíran falar diso na súa vida e que o que pedía non existía. Cando insistín, cando lle repito o nome dos aparellos e cando San Google lles amosa que si existe o que quero. E enfadeime cando tentaron camuflar a súa ignorancia, a súa pouca profesionalidade, a súa falta de humildade contestándome: "Claro, es que como lo dijiste en gallego...". Realmente estáballe pedindo as cousas polo seu nome comercial, o seu nome en inglés. Sei que hai quen non soporta que faga a miña vida en galego con normalidade e sei que son intransixentes, totalitarios e irrespetuosos para comigo.
Isto é o único que eu sei de primeira man, pouco, pero seino. Quen goberne ten que saber para quen e onde vai gobernar e ter claro que é unha responsabilidade.
Acaba de chegarme á casa o PH67, un boletín gratuíto monográfico do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico, que desta vez trata do Patrimonio Megalítico na Península. A parte que lle corresponde á Galicia desenvolveuna Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación Restauración Bens Culturais de Galicia. E falo disto porque non hai unha sen dúas e mesmo, ás veces, dúas sen tres.
Volve a anunciarse que a Consellería de Cultura e Deporte vai declarar BIC 48 cámaras megalíticas e supoño que seguirán as propostas que neste monográfico Fernando Carrera propón, baseadas todas elas na protección patrimonial e na limitación dos recursos destinados ao patrimonio arqueolóxico, que como el di, ata o de agora "Si nos referimos a los cuidados que merecen los ortostatos con arte prehistórico, el análisis se vuelve bochornoso: se trata de la más antigua expresión artística hoy por hoy conocida en Galicia, que desaparece poco a poco ante la apatía general". A ver se desta vai.
Todo vai chegando, o bo e o malo. Touriño firmou con Carmen Caffarel un acordo de cooperación entre a Xunta e o Instituto Cervantes. Din uns que o Instituto Cervantes potenciará nos seus centros os cursos de lingua galega, que aumentará os libros en galego nas bibliotecas deste organismo e que a Xunta poderá proporcionar contidos culturais e académicos aos portais do Instituto Cervantes na rede. Outros danlle máis importancia á outra parte do acordo: deste xeito a Xunta apoia a implantación e difusión do AVE (Aula Virtual de Español) para a aprendizaxe do castelán por internet e ao fomento da participación de empresas galegas nas actividades que a Xunta e o Instituto Cervantes leven a cabo de forma conxunta.
Ao igual que o outro AVE (Alta Velocidade Española), todo isto ten a súa parte boa e mala. Para a xente de fora será marabilloso, o que queira estudar galego no Instituto Cervantes de seguro que o poderá facer segundo este acordo, máis seguro que non de xeito virtual na páxina da Aula Virtual de Español. Tamén poderá vir quen queira da meseta no ano 2000-vai ti a saber cando, nun tren de alta velocidade. Nada diso é malo, está moi ben a promoción no exterior.
O problema é dentro do país. Que precisa facer o Instituto Cervantes en Galicia? Que clase de actividades de forma conxunta vai levar a cabo coa Xunta? En que idioma as levará a cabo? Supoño que como Instituto Cervantes que é, serán feitas en castelán. Tampouco é que me pareza mal, está ben, estamos en España e é o idioma que a maior parte dos españois adoitan falar. O conto é que se en Galicia se fala galego (e quero pensar que unha grande parte da poboación así o fai) e se o galego é promocionado polo mundo adiante, non sería ben promocionalo tamén no único lugar onde realmente continúa a ser rexeitado? Si, estaría ben.
Pero de novo pasa como co tren, facemos kilómetros de camiños de ferro con man portuguesa a paso de caracol (xa non de tartaruga) para estar mellor comunicados co resto de España, para que as grandes cidades de Galicia estean máis preto unhas doutras pero...que acontece con esas pequenas estacións chamadas apeadoiros? Desaparecen. E con elas todos os usuarios que teñen a opción do tren como a máis cómoda e proveitosa para viaxar.
Ser minoría é o que ten, que te acaban facendo desaparecer. Sei que os que viaxan dende Vigo á Coruña odian tanta parada, pero os que suben neses apeadoiros tamén teñen dereito a viaxar e coller o tren (para ir a traballar, a estudiar...esas cousas que fai a xente) e Renfe debería ofrecer unha solución a todas esas persoas que teñen a vía preto da súa casa (ou o Goberno da Xunta darlle un toque).
Por outra banda, Touriño podía estar máis atento ao que anda acontecendo na casa cos tangas, con tanta opinión anti-galego nos medios de comunicación, nas propias subvencións a prensa galega que non emprega a lingua galega para nada e que cando a utiliza é de xeito anecdótico, e deixar claro que o de rotular en galego é o máis normal do mundo e, por suposto, prepararse un Celga 4 ou 5. E está ben o que di do Instituto Cervantes e a imaxe que dá: "España plural, unida e diversa, desa España consciente de que a súa pluralidade lingüística e cultural é un dos seus maiores activos e un valor que nos fai a todos máis ricos”, pero é que ás veces convén mirar un pouco máis para a casa, non vaia ser que en Galicia a pluralidade vaia a converterse nun problema, non vaia ser que expresarse en galego sexa un acto que algúns queiran extinguir ao igual que os apeadoiros de Renfe. E pode mirar para outro lado, pero están aquí: e non son eu a que o digo, que o din eles mesmos definíndose así: En defensa de la libertad de idioma en la enseñanza, y contra la normalización lingüística en Galicia. Contra a normalización lingüística en Galicia, máis claro...
Teño varios amigos interesados no megalitismo en Galicia e na cultura castrexa, de feito a algúns téñolle feito regalos relacionados co tema. O conto é que non se me dera por ir visitar por gusto e interese ningún dos xacementos que abundan por esta terra como ten feito magago. Hoxe mudou o conto, fomos ata o Dolmen de Dombate (de 12:00 a 17:00os sábados e festivos)
Aínda lembraba o que era un dolmen/anta e unha mámoa. En Dombate excavaron e practicamente non queda nada da mámoa que cubría o monumento funerario. Ten razón de ser porque atoparon restos do dolmen anterior ao que hai na actualidade coñecido como Dombate pequeno, e non se coñece outro caso en Galicia no que se construíse un dolmen nun sitio onde xa había outro. Atoparon tamén pinturas na cara interior das lousas do corredor e da cámara, 20 idoliños en fila custodiando a entrada do corredor e no límite do túmulo e un axuar lítico e cerámico importante, que agora están no Museo Arqueolóxico da Coruña, no Castelo de San Antón, que dirixe José María Bello que tamén dirixiu as excavacións.
E tamén atoparon a Cousa.
Xa hai tempo que se viña avisando de que Dombate estaba mal coidado: unha lona de plástico por riba que non conservou nada, o dolmen desprotexido sen a mámoa coas súas intimidades ao aire e veña auga, e veña vento e así ata hoxe...gabándonos do que temos (neste caso un monumento funerario máis antigo que as Pirámides de Exipto) e deixando que todo iso se destrúa. O que deron en chamar a catedral do megalitismo galego quedou orfo: o Dombate pequeno foise á merda polo coidado que lle deron. En 20 anos non dá tempo a pensar que facer co patrimonio e agora que decidiran algo, resulta que a metade do que iamos protexer xa non existe e hai que mudar o plan.
Todo este despropósito lembroume un artigo de Manuel Rivas, concretamente un fragmento que vén moi ao caso e que vai tendo trazas de premonitorio se non lle poñen remedio á cousa:
"Hai un motivo da arte parietal, pintado ou gravado, que aparece no dolmen de Dombate. É unha figura senlleira, con moito engado e significado inexplicábel. Enigmática. Con graza. Hai quen di que é unha cunca. Quen ve un peixe. Quen coida que é unha criatura do espazo. Unha especie de anxo. Os arqueólogos non se puxeron de acordo. Foi Shee Twohig, que traballou en Dombate no 1973, e a que incluíu os gravados no seu tratado sobre a arte megalítica occidental, quen lle puxo un nome que fixo fortuna. Chámase a Cousa.
Para min que a Cousa era unha especie de marca anímica, na antiga escrita da pedra. Segundo a posición da Cousa, o que seguía debía entenderse dunha maneira ou doutra.
A Cousa era a retranca. A apertura de sentido. A indirecta. A sutileza. O ideograma de "depende".
Se se perde a Cousa, perdémolo todo."
E que lle imos facer...somos así, non? (a min cabréame un pouquiño)
"Teño comprensión e respecto polos que cando pasan á beira do Gaiás desexarían que iso non existise, porque eu mesmo formo parte deles", Anxo Quintana.
Supoño que todos desexariamos ter unha máquina do tempo.
Pois si, nin hora menos nin fuso horario distinto. Se me mantivesen esta hora (GTM +2, que bonito que é o verán), ben contenta que quedaba, porque quero horas de luz ao saír de traballar. E dame igual ir desfasada respecto ao sol, porque non soporto tanta escuridade xunta.
Pola contra, dame que haberá que mudar de novo os reloxios. Non me apetece nada.
*Outra opción sería madrugar máis, erguerse co sol e ter xornada continua, pero iso tampouco depende de min.
Como pasa o tempo. Hai unha semana desta hora estaba rematando de ver a actuación de Camera Obscura na Fundación Caixa Galicia. O sitio é ben bonito e non se podía pedir mellor compaña: SugarKane e amigos, o noso camareiro favorito (ese home do 14) e á súa compañeira de fatigas nocturnas, zetxek (amiguiño no last.fm) e mourullo a quen cría desaparecido en combate, tamén estaban alí. Quedei encantada do concerto e nalgún momento púxoseme a pel de galiña e creo que a máis dun tamén. Deixo un dos temazos causantes desa erección pilosa que en directo é para quitarse o sombreiro e o dito, moi bonito, tranquilo e relaxado (síntoo sr nohara).
Baixo a choiva liscamso pitando a facer o macuto que me acompañaría nos 4 vindeiros días camiño a Compostela. Despois de que Sak me fixese de GPS telefónico e facer a parada típica por Lugo "mira, vou ben por aquí?" por desviarme onde non era, á unha da mañá cheguei a Portomarín. Alí agardábame a miña compañeira de soños, unha alicantina que levou o xeonllo vendado e revendado como recordo da camiñata.
Andando polo Camiño
O sábado erguinme pensando que a ver que facía eu no Camiño de Santiago no medio de 50 persoas que non coñecía de nada, pero pronto rematou a incertidume porque os que serían a escoba e o recolledor do grupo baixaban a almorzar e pronto me dixeron que eu debía ser a quen estaban agardando. Efectivamente, era eu e xa se encargaron de difundir a nova entre o grupo de peregrinos e asombreime do bo recebemento que tiven (anque dado o traballo que ía facer creo que era máis que comprensible). E xa nos puxemos a andar.
Contaría mil cousas dese día e millóns de millóns dos tres seguintes e non acabaría nunca. Andivemos moito nas catro xornadas 6 horas, 7 horas, 8 horas...xa non sei porque o tempo relativízase. As cousas que che aconteceron esa mañá parecen de fai 15 días e disfrutas de que iso sexa así, de que che cunda o tempo tanto, que se faga inmenso e rico de vivencias. Se nos primeiros cinco minutos resulta que non coñeces a ninguén, aos sete xa sintes que os coñeces a todos de toda a vida anque so cruzaras unha mirada con eles.
Así transcorre o Camiño: seguindo as frechas marelas, andando, rindo, saudando a máis peregrinos, preguntando se viramos pasar a outros que compartían etapas, cruzando estradas, meténdonos en bosques encantados que pensabas extintos, tentando non esvarar na lama, enchoupando as botas en pozas que parecían lagoas, apartando das 200 bicicletas que ían timbrándonos, escoitando as verbas máxicas "Buen Camino", acompañando aos que cara o final da andanza non podían máis, falando de todo e con todos, aledándote polo bo tempo e agradecendo poder darlle uso ao poncho cando sarabeou e se puxo a chover...Disfrutando, disfrutando moito.
Cando non andas...
Toca xantar, toca cear e re-descubres o caldo con repolo (que non con grelos), os chuletóns das cuchas galegas, saboreas o rape, a pescada, as xudías co refrito por riba, a empanada, a carne asada, o polvo de Melide na de Ezequiel e o pan. Saboreas o café de pota e régalo coa caña, co licor de herbas e co LK ou coa crema de orujo. Despois de repoñer forzas estamos todos mellor e rimos fitándonos coa chispa na mirada.
O que non esquecerei nunca vai ser a sesión de estiramentos do grupo na praza de Portomarín, onde todo eran ais, nin a enfermería que montamos nun cuarto para pinchar bozas, facer curas, vendar xeonllos, vendar nocellos, dar masaxes e trapichear con antiinflamatorios. Como ben dixeron, non imos a Santiago, parece que imos a Lourdes. Son todos moi agradecidos, aínda hai moitos que non coñeces pero eles a ti si, e alédaste de que ningún estea demasiado grave. Son un encanto de rapaces.
E as noites son o mellor, o ron seica quita tódolos males, convídante a Zamora cando lle falas doutro zamorano de adopción, convidas en Arzúa por 30 euros a 12 copas, queren que quedes e ti vas canda outros pero á noite seguinte estás con eles como lles prometeches, aínda estamos preguntándonos os nomes despois de horas de conversa, hai unha servilleta con tódalas direccións de correo e sigues rindo e falando e sabes que xa tes amigos para sempre.
E entre todo iso choras, choras andando no camiño sen saber por que, choras falando con alguén cando che pregunta que tal o día, choras despois de que te abracen sen motivo, choras ao chegar ao Obradoiro e nunca tanto te aledaches de ver a Praza, choras sen motivo e a choiva ás veces disimula esas pingueiras na cara. Pero estás feliz, moi feliz.
Un remate que non é tal
A chegada a Compostela eu non a sentín coma o final, o Camiño sigue. Queres volver facelo e continúas preguntándote por que: porque foi moi enriquecedor, porque ogallá toda na vida fose coma o Camiño, porque é coma estar noutro mundo e porque merece a pena. Non sabería dicir que é iso da introspección que tanto falan porque eu sigo sendo a mesma, anque houbo algo que se remexeu dentro de min pero non sei o que.
E agora é cando podedes dicir o falsa que son. Teño a Compostela. Podería ter un certificado que dan conforme fixen o Camiño de Santiago porque cando cubres os datos na Oficina do Peregrino (onde che din que se queres deixar esmola que botes 1 ou 2 euros) marcas os motivos polos que o fas: relixiosos, relixiosos e outros e Outros. Marquei a segunda opción, non porque fose por motivos relixiosos, se non porque sen a relixión o camiño non existiría e a esencia é esa. Non é argumento ningún e no momento pareceume moi obsceno poñer un X nese recadro, de feito aínda mo sigue parecendo e creo que me enganei. Ás veces penso que fago cousas aínda sabendo que me vou a arrepentir delas (ao igual que sempre aposto cando sei que vou perder). Tanto ten, é un papel, é un rito.
Non tiven unha soa vexiga (chiste malo coas ampollas: un que vaia unha farmacia en Londres e pregunta Hay ampollas? e respostalle o farmacéutico Hello, Mr Pollas) porque as miñas botas están feitas para iso...for walking!
Levei cámara de fotos prestada pero non levei o cargador para as pilas así que non teño unha soa fotografía, pero xa mas pasarán e xa darei a lata con elas.
Andar é do melloriño que hai.
Nunca tanto castelán falei na vida, unha semana despois aínda se me escapan cousas en español.
Non sei como non me deshidratei porque ao chegar a casa ben podía cantar iso de eu chorar, chorei o domingo á tarde...
Quero volver a facer o Camiño así que se a alguén lle leva idea, que avise (como dixo Elianinha, é unha proposición indecente)
Polo de agora a Mariam Agnetus esta que vos fala vai ir devotamente Camiño de San Antón da man desa escisión de RM chamada The Policarpo Sound Inc. que nos ofrece en primicia A Regueifa para petiscar xunto co Corpiño Xeitoso versionada por Mourente. Data clave para ese disco dobarrista tan agardado: 5 de xuño, estaremos atentos.
Tedhead, un policarpo, fala por aí dun coro final inédito que seica di así:
lévame, elévame, lévame, lévame á pandeirar... e-lévame meu xeitosiño que eu non quero camiñar
Pois ata aquí chegou o meu Camiño de Swan, amigos, Bobby McGee mediante.
Mariano Rajoy es gallego y sabe decir moitas gracias.
O PP perdeu o poder en Galiza inxustamente porque tiña a maioría de votos, e como dixo un amigo meu "si, e os mortos tamén votan"
Dos hilillos de plastilina non vou falar porque hai outra frase que o supera: "Estuvimos planteándonos el haber bombardeado el petrolero con nuestros cazas F-18 y los Harrier de despegue vertical" Federico Trillo, ministro de Defensa 20-11-02
Para ser político hai que dicir mil veces: "voy a bajar los impuestos".
Temos que aprender todos inglés, español ou castelán e dentro de pouco chino por iso do número de falantes de cada lingua. Que pena que o hindi estea antes que o portugués e que o portugués sexa tan distinto ao galego. Hai cousas que non cambian.
Pois esto vai de denuncias e chamamentos cidadáns:
1. Dous campos de golf en Tomiño e 800 vivendas, un absurdo máis. Copio e pego:
Un monte comunal, expropiado aos veciños de dito municipio, será o sacrificado pra construir os DOUS CAMPOS DE GOLF E AS 800 VIVENDAS PROXECTADAS , quebrántando a Lei 13/1989, do 10 de outubro, (publicada o día do meu nacemento, que casualidade) de Montes Veciñais en Man Común, que estabelece no seu artigo 2 que os montes veciñais en man común son indivisibeis, inalienabeis, imprescritibles e inembargables.
Esto supón o 40% dos montes comunais da parroquia de Pinzás, que hoxe en día ten 161 habitantes. Para que tanta vivenda e tanto campo de golf???? Non coñezo Tomiño, si xente do lugar e penso que non é moi razonable facer estas cousas. Vos diredes e vos denunciaredes.
2. As Pontes, a nosaSpringfieldquerida (meto a tódolos castigadores no mesmo lugar de orixe), vai ser víctima dun acto máis de destrucción do patrimonio, neste caso do círculo lítico da Mourela. Seica dende o ano 1970 se andan destruíndo xoias arquitectónicas (non sei canta importancia histórica teñan, pero destrúense igual a favor do progreso e da industria e etc) coma ermidas, cemiterios paleocristiáns, castros etc... para enterarse máis a miúdo este pdf en galego e en castelán, e esta páxina, a de choiva ázeda, que é quen ven a preocuparse do tema, sobre todo agora que queren facer a autovía Ferrol-Vilalba e o goberno ten a oportunidade de facer un túnel e non arrasar cos restos da Mourela, do que quedan tres mámoas (das cinco que había) e os restos dun círculo (dos dous que existían). O mesmo digo, vos diredes e vos denunciaredes.
3. Adopción de cans. Isto xa é tema de amor aos animais, que resulta que pechou unha "perrera" (canceira? definitivamente o galego é un idioma deturpado e incompleto) na Coruña, e so hai dúas opcións ou sacrificar aos animais, ou dalos en adopción. Agora mesmo están todos na casa dunha rapaza, Mónica, que non se pode facer cargo deles. Se alguén está interesado en adoptalos este é o teléfono:
Pois como hoxe o ceo andaba así de azul celestial, quixemos ir ás lagoas de Cospeito a facer avistamentos de aves, pero non demos coas lagoas que nos perdemos por aí. E antes das lagoas e falando de azuis e avistamentos, lembro a furgoneta azul cerúleo de Expediente X, non sei se vos tamén, pero é algo que se me quedou grabado. Ao final resulta que o azul cerúleo ou celeste ou cian, obtense de mesturar estanato de cobalto e magnesio. Qué de colores e non hai máis que mirar aquí.
Ao que ía, que ao final demos cunhas lagoas en Rábade e o que vimos foron garzas reais e cormoráns.
A min sorprendeume o dos cormoráns, pero polo visto é unha ave que é habitual aquí en Galicia, polo que vin nestestressitios, e de feito os de aquí veñen de Gran Bretaña e son unha especie protexida.
Estes da foto de arriba habitan na ría do Burgo e a fotografía forma parte dunha serie que amosa a cópula entre eles, xa se sabe que a primavera...
Todo iso lembroume a un xeito de pescar que teñen en China con estes animais, atanos polo pescozo e cando os cormoráns se mergullan a pescar os peixes non lle poden pasar pola gorxa embaixo e quedan os pescadores co botín. Aproveitando os recursos naturais, vamos.
E así foi o día de hoxe, que me veu moi ben para airearme. Para outra vez a ver se damos coas lagoas de Cospeito e se non, tanto ten, que ben que me gusta conducir e perderme por aí.
Detalle musical do día: "música para o coche" facíame pensar en Brian Wilson , hai pouco algúen me fixo pensar en Mastretta
Hai dous anos tiven unha compañeira que era de Valencia de Alcántara (hoxe coñecido por ser lugar de orixe de Soraya, a do "Poyeya"). Contoume que no 2003, cando houbera tanto incendio por Portugal e en zonas que lles quedaban preto, chamaran a Junta de Extremadura para dar conta do feito, pero como o lume aínda non traspasara fronteiras, non lles entraba nas competencias. Cando pasou a territorio de competencia foi tarde, o vento e a pouca previsión fixeron que ardera moito monte por alí, moitas familias que dependían do alcornoque (sobreiro...pra falar como é debido) viron como a súa fonte de vida se queimaba.
Daquela, esta rapaza contábame como por aquelas terras comparaban o desastre ao do "Prestige" en Galicia. Lembraba entón un incendio: a devesa que tiñamos ao lado da casa queimábase. Era e é o único recordo que teño de lume en primeira persoa, case non lembro nada de cando era pequena pero diso non me esquecín.
A min non me gustan os eucaliptos, a min non me gusta o feísmo da terra, igual tampouco estou contenta co goberno (nunca o estamos, cousa máis ou menos normal), pero non por iso ando a prender lume de noite.
Dádesme noxo, asqueádesme, mándovos ao inferno e ogallá exista e vos queimedes nel, merdentos.