1/20/2006

Treboada

Azul.

Cita do escuro home afouto de pedra co mar.
Con rítmicos movementos de escuma
(sensual plenitude fértil na paz)
acometen,
como macho e femia fera
o gozo incesante,
a éxtase da cópula.

É o amor que se fonde:
aí está a felicidade,
na inmensidade do ceo.
O ceo do mar duro e da pedra que se fai líquida.

As sereas,
top-models con recendo a arroaz,
obsérvanos cos seus ollos de peixes.
No medio da tormenta, son elas, son;
son as que fecundan con morte
a carne da xente do mar.

Óese un asubío siseante
coma se de serpes se tratase:
é o vento,
é a respiración e alento dos amantes.
É o vento que ataca ao inimigo
nunha afronta persoal.

Dor e loita de caramelo na auga salgada.
Mil grans de area despois, os froitos da paixón:
un corpo
e catro mapoulas nas agullas do tempo.

Azul de novo.

1 comentário:

besbe disse...

Fai 10 anos que o escribín e aínda me gusta. Agora quixera recuperar esas ganas e atopar ese tempo que nunca atopo para facer máis cousas desas.
Lémbrome que en oitavo de e.x.b. nos preguntaran que era o que queriamos ser de maiores: pasteleira(cuestión familiar),xornalista(aínda me atrae o conto) ou mestra(sería que tiven bos mestres). Nada que ver ao final.
O que quero dicir é que daquela e ata non fai moito, aínda tiña inquietudes, a medida que un medra parece que as posibilidades cambian, mais o que muda é un mesmo.