2/25/2006

Pulsión


Os desexos de ser unha maldita alimaña poden comigo. As fantasías están precisamente para iso, para fantasear.

Desexo saír feita unha odiosa cadela de caza sabendo que son eu a presa e que so de min depende baixar a garda para ser devorada. Andar polas rúas e por ese local fantaseado intuíndo os ollos cravados en min, máis ou menos disimuladas esas miradas, pero tan profundas que enardecen as ansias.

Nos meus adentros a chama da altivez sorrí e na miña face amósase ese desdén finxido, pero é a miña fantasía e non hai que renegar del polo que dirán. Agora é cando entendo o luxo que sería pisalos a todos cos tacóns de agulla. Sometidos, porque é a miña fantasía e así eles o queren. Non hai moitos que sexan capaces de facelo anque o tenten.

Poño os meus ollos na mirada dun deles e como se adiviñase certeiramente os meus pensamentos (así ten que ser) amosa no seu ollar como se consume por necesitar de min. Nese momento sabes que é certo que nada pasa se ti non queres. E sempre escolles ben.

De volta ao teu ser, descobres que nunca foi improbable a posibilidade, pero que te camuflas moi ben entre o resto dos mortais e ninguén nunca saberá ata que punto desexas o que imaxinas ou imaxinas o desexo.


(Despois de ver dúas cousas ou tres)

En conmemoración tardía


Veño de ler esto e como o 21 foi o Día da Lingua Materna ei vai outro caso do que pasa cando non tes moi claro por que falas outra lingua que non é a túa.

Nai: "A ver, ¿quién fue el que mojó el trapo?"
Fillo: "Ay, yo no lo mollé"

Hai que usar a lingua, para o que sexa, pero como é debido.

2/23/2006

Merodeando


E fun a dar unha volta pola rede, e que pequeno é todo. Aquí, vou e atopo as verbas dunha rapariga que nunca me deixou de sorprender.

Un bicazo nena e moitas risas.

Antroidadas

Non volo dixen pero eu xa me disfracei o sábado pasado.

Estábame lembrando eu como corriamos os entroidos cando era pequena, iamos os rapaces da parroquia (curiosa división territorial) vestidos todos con trapos da avoa e coa cara tapada, cun cestiño para os pesos, as ourellas e as filloas e cáseque todos coa súa pandeireta de rigor. E arreando, casa por casa a petar na porta, a pedir que nos desen algo e sempre nos pedían o mesmo: que lle botásemos un baile.

Pedazo de artistas...os da pandeireta a darlle forte, os outros a botar unhas muiñeiras bailadas malamente e cos brazos ben arriba e chiscando os dedos e o do cestiño, meu pobre, mirando como caían as filloas e as ourellas (en cada casa son de súa maneira)

Agora van miña nai e as amigas a correlo entroido. Non estaría mal volver a facelo. Aos velliños íalles facer ilusión e todo e á xente no fondo gústalle, anque os despertes cando están moneando despois de comer.

Tamén é tempo de antroidadas, e xa vexo que fai 25 anos tamén eran dados ao tema.

¡E veeeeeeeeeeeeña, ide remexer no faiado que seguro que hai algún trapo!

2/21/2006

Breve obra de teatro

Personaxes:

Paco, experto en informática.
Alba, muller de Paco, algo apoucada.
Dorita, nai de Paco, calquera das nosas nais.

I Acto
(Salón da casa de Dorita. Dorita está sentada nun sillón e enfrente dela están Paco e Alba no sofá)

Paco: No he dormido nada esta noche. Estuve hasta las seis de la mañana porque se me metió un gusano en el ordenador.

Dorita: ¿Un gusano? (Xesto de sorpresa)

Paco: Si, todo por culpa de esta. (Mirando con certo reproche a Alba)

Dorita: Mujer ¿y luego que hiciste? ¿Te pusiste a lavar la verdura o la lechuga cerca del ordenador? (Mirando con pena a Alba. Alba reacciona e abre os ollos de par en par)

Paco: No mamá, no son esos gusanos. (Apresurado despois dun breve e incómodo silencio)

(Córrese o telón)

2/20/2006

Chámame hortera


From Bollywood fai 5 anos.
Dicir que é a única película que merquei na vida (non se inclúen esas que veñen a 5 euros cos xornais e demais trapalladas,esta foi adrede con toda a intención do mundo)
É coma os contos de cando eras pequena.

Xa vai para 10 anos




E estes días estoume lembrando da "Hortensia", tamén fai máis de 10 anos, si.

2/18/2006

A Viagra tamén vale para algo máis


Resulta que existe unha enfermidade chamada fibrose quística e entre os seus síntomas, os máis significtivos son os respiratorios. De tódalas cousas que ocorren nos pulmóns, unha é o estreitamento das pequenas arterias pulmonares e a menor calibre máis resistencia ao paso do sangue que ven do corazón (ventrículo dereito) que leva tamén a unha insuficiencia cardíaca co conseguinte aumento do tamaño do músculo do corazón. A ver, o corazón ten que bombear máis forte para que entre o sangue necesario.

Nunha erección, o que pasa é isto: estimulación sexual, relaxación e dilatación das arterias do pito en cuestión e aumento do fluxo sanguíneo a esa zona. Moito sangue entrando e pouco saíndo e bunda, bunda, treme-bunda.

Acción do sildenafil (Viagra, trademark): inhibe unha enzima. Esa enzima, a fosfodiesterasa-5 o que fai é bloquear o músculo liso das arterias o que impide a súa relaxación. Eso é o que teñen en común as pirolas mailos pulmóns.

É incrible que un grupiño de átomos unidos así tan panchos poidan influír tanto no conxunto que forman todos eles.

Dicir tamén que a Viagra non é milagreira, fai falla moito máis que a súa acción en solitario e tampouco é imprescindible. Coma todo.

2/17/2006

Gusto de atoparme así

Hoxe quero falar con alguén.
É o día perfecto.

El e Ela
















El di: Voume...
El di: Rumía eso.
Ela di: Diosssssss.
Ela di: A min mátasme.
El di: Eso o venres, se me acordo como.

2/15/2006

Nils Holgersson


Regaláronme por Reis un libriño que aínda non lin: "Jerusalén" de Selma Lagerlöf, primeira muller á que lle deron o Premio Nobel de Literatura. Foi no 1909. Xa choveu.

Estiven mirando o libro, que para min promete, e resulta que esta muller tamén escribiu "El marabilloso viaje de Nils Holgersson a través de Suecia" feito a encarga para espertar o amor por Suecia nos escolares. Tremenda idea.

A foto en cuestión ven sacada de aquí, xa dirán por onde queda e que tal se come por eses lares.

As conclusións de hoxe son: outro libro para mercar, que envexa os que están fora e que parviña por non coñecer todo o que hai nesta terra.

Come on baby, light my fire

Onte recibín dous regalos, moi curiosos os dous. Un chisqueiro (destes de mecha de toda a vida) e un ramo moi bonito de crisantemos brancos (si, as que se levan aos cemiterios).

É curioso o que se pode chegar a regalar no día dos namorados en cuestión, todo moi pasteloso pero moi instaurado en definitiva.

Para min hai outras probas de amor, desas máis de andar por casa. Refírome por exemplo a que cando vas para a cama cos pés conxelados, outro par de pés vaian buscando os teus para quentarchos. Eso si que é bonito.

2/14/2006

¡¡¡Yessssssssssssssssssssss!!!

Entereime de que había nova programación na TVG e hoxe pola noite (véxase luns) antes de ir a tomar o café coas amigas, puxen a televisión para ver o que podía haber de novo. ¡Surprise, surprise! Zapping Comando, sonábanme as voces pero non as caras (e resulta que os vira na homenaxe a Pucho Boedo e escapei deles pensando que eran...o que eran, uns entrevistando a xente ao saír da homenaxe)

Escoitábaos xa na Cuac.fm e morría coa risa, e cando os atopei en RadioVoz, doume un patatús. E hoxe cando os vin presentando o Zapping Comando ...peguei un chimpo.

Gústanme estas cousas.¡Ñé!

2/13/2006

O próximo libro que vou mercar...


...vai ser O Corán. Tendo en conta que xa hai unha Biblia na casa e que sempre tiven ganas de comprobar que non eran tan diferentes, creo que vai ser unha boa compra.

Lin "Los versos satánicos", cando non tiña idade para lelo, para ver que era o que tiña de malo o libro e quedei como estaba. É o malo de ir de espabilada cando non tes información dabondo. Tamén lin "Las mil y una noches" cando non debía.

Agora co dos últimos días farei o meu estudio particular.

Paréceme mal que os daneses non se disculparan no seu momento e asústame a reacción de todos eses crentes. As mil virxes creo que tamén están asustadas.

2/11/2006

Buscando en el baúl de los recuerdos


"Fuego camina conmigo"

Na miña casa nunca se viu moita televisión. So lembro a meu pai mirando as películas dos irmáns Marx, algunhas de Cantinflas, os westerns despois da siesta e as películas do estilo e da época de "La Reina de África". Despois lía moito e deixaba os libros ciscados por aí a ver se alguén sabía que facer despois con eles.

Agora estou vendo cousas que daquela non vira, e non sabedes o que me gusta iso.

"Buenos días, aquí Chris de la mañana, desde la K-OSO, Cicely, Alaska."

Ameneiros, salgueiros e bidueiros.


E pensar que cando ía ao muíño coa miña avoa tiña moi claro que árbore era cal. Ultimamente cada vez que vía un ameneiro, un salgueiro ou un bidueiro, pensaba que sería un ameneiro, un salgueiro ou un bidueiro, pero facíame un lío patatero porque a cabeciña non quería lembrar cal era cal.

Encántanme as árbores. Teño un especial recordo do carballo que tiñamos diante da casa, toda unha institución. Chorei cando caeu e aínda é hoxe o día que penso na miña casa e na fotografía mental que me fago está el aí.

E seguindo co tema, a fotiño en cuestión é da miña man e de dous madroños despistados que se deixaron caer por alí. Seica os osos se comían moitas follas dos arbusto este, andaban medio mal (a min dixéronme penecos), porque o madroño ten taninos. Deixaremos o tema para entendidos en viños e botánica.

2/10/2006

Tempo de estorniños

Non é que vira ningún, pero decateime pola cantidade de cagadas que hai na rúa. Moitas. Creo que pombas e gaivotas xuntas non dan feito tanto desperdicio.

Pensando en paxaros, lémbrome dos meus primeiros avistamentos emocionantes: un martiño pescador e unha garza real pretiño de O Barqueiro.

Ás veces é que non nos damos conta nin do que temos diante.

Breves crónicas de La Curuña

Ai Pacoooooo, que te nos vas junto al Papa, que no sabes tú bien lo que te queremos aquí en la ciudá, que ya verás como te hacemos un homenaje y todo."¡Cómo no!", digo yo, despues de todo lo que has hecho por nosotros. Que hasta la reina de Inglaterra te nombró Caballero de la Orden del Imperio Británico, y vas tú y pones en un pedestal a la María Pita, ya se sabe, Sir John Moore vs Armada Invencible...mejor quedar en empate. Que así hiciste con el fraguismo y el socialismo, nada de buscar jaleo, hombre.

Y quien conoce hoy La Curuña, que desde que pusieron el "relleno" allá arredor del 1900 lo que cambió. Y luego furaste tú por todos los lados, pero que bien furaste, que mismo el desfile militar del año pasado tuvo que ir por nuestro querido paseo marítimo (no sé que sería eso sin tu intervención...) que si iba por lo furado se venía todo abajo. Y por cierto, así en confianza, que bonita te quedó la bandera ¿eh?, con sus muchachos vigilando y todo.

Es que eres un as, machiño, que ya teníamos aquí La Torre ( de Hércules nada, que igual vienen esos que quitan las flores de la "L" a reivindicar, y no tienen nada que decir que no son de aquí "de toda la vida") y el Obelisco (que se nos paró estos días, debía saber ya lo tuyo y le dio pena) y vas tú, que eres un artista, y nos triangulas todo poniendo allí el Millenium. Que lo sepas que yo voy a tomar allí las uvas todos los fines de año, así chova ou "fagha" sol.

Y que te voy a decir: el parque de Bens (no hay mal que por bien no venga), el tranvía, el ascensor al monte de San Pedro...que si hombre, que tienes visión de futuro...el legado que nos dejas¿eh?

Tantas cosas que contar y tan poco espacio. Que aún no te has ido y ya te echamos de menos. Esperamos que la Ciudad del Vaticano te acoja tan bien como lo hacemos nosotros (ya sabes, la ciudad en la que nadie es forastero) y a ver si le das un aire nuevo a esas plazas que tienen, que llevan mucho tiempo con el mismo paisaje. ¡Te queremos, Paco!, anque sea lonxe.

P.D.: Eu cando vin o xornal hoxe pensei: "Hoxe non é o día dos Inocentes ¿NON?"

2/07/2006

Non me sae de seguido...

a, be, ce, de, e, efe, ga, hache, i, ka, ele, eme, ene, eñe, o, pe, cu(?), erre, ese, te, u, uve, uve doble(un ente raro), xe, zeta(ou será ceta)

Nunca me deixo de sorprender

Hoxe marchei moito máis tarde do de costume para o traballo. A min gústame mirar os telexornais pola mañá e esas mesas de debates que fan despois das novas. Hoxe estiven mirando a TVG, e xa estaban coa entrevista esta que fan e pillei case o final de todo. E a quen estaban entrevistando era a Carlos Figueiras. Mamaíña como mudan as cousas.

Eu non é que estea moi de acordo co tema este da lusofonía, non sei por onde deberían ir os tiros a verdade, pero tampouco me parece mal de todo. Eu o único libro que lin en portugués foi o "Ensaio sobre a cegueira" do Saramago (encantoume a todo isto).

A min o que non me gustan son estes neofalantes que se cren máis ca ti porque falan un galego superpuro, porque son superguais, porque son os auténticos, porque son alternativos e mil cousas máis podería dicir...Ás veces parécenme unha farsa, outra secta máis. Non en tódolos casos e eso, é unha opinión moi persoal. Simplemente que non me chamen paleta por non pensar calcadiño a eles.

Sobre a entrevista ao mozo este, sobraba o de "Obrigado, dise así ¿non?" do Carlos Fernández Amado....eso che tiña que dicir eu a ti "Grazas, dise así ¿non?" e a pregunta simplemente persoal e por curiosidade da Marga Pazos "¿Cal foi a túa lingua materna?". Pff, outras cousas non mudan non.

2/06/2006

Paréceme fatal





Son fumadora.
Teño que deixar esta adicción.
Hoxe baixaron 40 céntimos o prezo da marca que eu fumo.

Pucho Boedo

Ben, para comezar, ata fai máis ou menos uns meses non tiña nin idea de quen era Pucho Boedo, desto que che sona o nome e non sabes dicir de que. Vin na TVG un anaco do documental este "Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo" e gustoume. Despois averigüei o que era un crooner. E por último, doume onte a venada de ir a homenaxe que lle facían na Coruña os seus paisanos, esta máis especial porque xa van 20 anos do seu pasamento.Teño que dicir que ía con cautela, porque pensei que non pintaba nada alí, e que estaría cheo de xente maior e non sei...dábame algo de vergoña.

Ben, non me arrepinto de ir. Gustoume, a pesar de que estivese feito case todo de cara á galería, que é o que pasa en canto as cousas se mediatizan, pero estivo chulo. A miña ignorancia era tan grande, que cando oía "Los Tamara" antes pensaba que eran un grupo de flamencos ou algo así. Pobriña de min.

Conclusións ao meu ver: cada un ten que adicarse ao que mellor se lle da (Nanchiño ti tes a túa gracia falando, e o señor Miguel Ríos mellor que se adique a cantar, porque en canto abre a boca vai unha cagada de gaivota voando polo aire. Pareceume moi mal que nunha homenaxe a un home que significou moito na música galega, ao final acabase so centrándose na súa vida persoal e querencias espirituosas...é coma se falando do que significou Stephen Hawkin, vou e digo que estaba nunha cadeira de rodas...ou falando de Franco, que era moi aficionado á caza...¡hai que estar ao que hai que estar home!. Pareceume fatal)

O que máis me gustou: Xoel cantando "Negra Sombra" e Yolanda Vázquez cantando "Ne me quitte pas", que tamén foi a que máis me sorprendeu.

Han de emitilo na TVG, non sei cando.

2/03/2006

Xestas


Dúas preguntas nada máis:
1.¿Cal é o equivalente a "xestas" en español?
2. ¿Alguén sabe cal sería o motivo para facer estes nós nas xestas? (Situadas no camiño cara a fervenciña do río Toxa, estaban todas así)

Morriña


Emocioneime moito hoxe.

Chámame miña nai a eso das tres da tarde para dicirme se me apetece ir ata a casa e felicitar aos noivos. ¿Que noivos?. Casou túa tía. Casáronse no xulgado con dous testigos e foi así de sorpresa, anque algo viñan comentando. Eu non sabía nada. E alá me vou a darlles os parabéns. Eu non me levo moito coa familia, situacións raras que se dan de vez en cando por moi diversas circunstancias. E cando chego o primeiro que fago é darlles dous bicos os noivos e darlles a noraboa. O seguinte, e case no mesmo segundo, é botar a chorar da emoción. Sei que para miña tía é un gran feito, e sei que é moi feliz, que tamén era hora. Acto seguido as bágoas fan aparición nos ollos de tódolos presentes.

Dun tempo para aquí as visitas á casa son escasas. Cada vez que vou cara alá, muda algo en min. Paréceme outra vida, camiño do paraíso...a paisaxe, a familia, as amigas, os veciños, as historias do lugar, os cans no medio da estrada, todo me recorda o que son.

Cando marcho sempre me invade unha sensación horrible de perda. Ás veces boto a chorar. Camiño desta outra miña vida, veño escoitando a Madredeus, "Antologia"