Ía con pasos perdidos resoando nas pedras da zona vella e comezaba a sentirme perdida anque sabía de sobra o camiño que tiña que seguir. Estaba vivindo unha vida que non era miña e na que, por momentos, non me sentía interpretando un papel. Creárame unha personaxe naquela obra de teatro, nun principio tan perfecta, que daquela cría telo todo controlado. Moza, estudiando cuarto de Políticas con algunhas asignaturas pendentes de terceiro, de tendencias nacionalistas e esquerdistas, militante da vida, reivindicativa, activa e propensa a integrarse en todo tipo de comandos por mor da entrega á causa, fose cal fose a causa na que crese. Unha adolescencia tardía ou alongada de máis no tempo.
Co que non contara nunca fora en adaptarme tan ben a este xeito de vida, a interesarme máis alá do estricto pola xente que me rodeaba, a chegar a crer que aquelo era so ficción e non decatarme de que as cousas realmente acontecían, que cada frase que dicía daquel guión que tan ben estaba fluíndo ía ser tan decisiva para facer arrancar outra frase doutro actor daquela historia. Non contara con atoparme facendo un papel protagonista cara a metade da obra, non sabía o papel, quedaba en branco, improvisaba moitas veces, máis das debidas,tanto, que mesmo o resto do intérprestes tiraban de min para que xurdisen da boca as palabras máxicas que facían que todo seguise fluíndo sen que o público sospeitase nada.
O malo de meterse tanto no papel é que chega un momento en que o corpo non so actúa para os demais, acabas enganándote a ti mesma e os pensamentos chocan cos desa impostora que impide que amoses eses sentementos encontrados, salvándoche a vida a maior parte das veces.
Acababa de estar tomando unhas cañas con Daniel e xusto esa noite tivera a ben de falarme dos plans que tiña a organización. Agardaba a confesión e aledábame que me pedise esa implicación pero por outra banda estaba a sufrir no meu interior a catarse que me facía falla, todo se tinguía de negro polo que se ía aveciñando no devagar do tempo. E eu, máis ca nunca, necesitaba crer no meu papel á vez que se me facía necesario un rápido cambio de guión.
Despedímosnos diante do Convento de Santa Clara cun sorriso e cunha leve intoxicación etílica enriba. Aos 250 pasos o corazón xa me latexaba algo máis amodo pero aínda non levaba as bágoas controladas nas coveiras. Que facer? Como evitalo? Como saír desa arañeira? Quen máis se implicaría? Outra vez máis sentíame perdida no medio das circunstancias, tan queridas e tan buscadas, coma sempre. Collín o móbil e despois de cinco segundos de marañas de pensamentos desordeados chamei a quen me metera no allo.
1 comentário:
publique mais lixeiro, non me gusta agardar tanto entre unha entrega e a seguinte.
;)
Enviar um comentário