Mostrar mensagens com a etiqueta saúde. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta saúde. Mostrar todas as mensagens

12/11/2008

Sentindo a morte

Dan as casualidades de que atopo no Centro de Saúde á filla de M. e cóntame a historia que xa coñezo (morfina, unha máscara BiPAP...), a que Craig Ewert xa coñecía e que decidiu contar á súa maneira, poñéndolle a fin a esa historia do xeito que mellor lle pareceu. Grabouse todo e estase a emitir na televisión de Reino Unido. Non me parece mal.

Comentaría algo máis, pero a médica díxome que me esquecese do traballo e que fose mirar as cores de moda. E voulle facer caso.


5/18/2008

Un bo día enfermóuseme o ollo

Eu nacín, medrei e fíxenme muller e un bo día enfermóuseme o ollo. Roubo isto de Un ollo de vidro porque así semella que teño o meu. Lembro estes días a Buñuel e ese gume a cortar un ollo. É unha imaxe grimosa e ignoro que clase de dor se pode sentir cando o ollo é tratado así. O surrealismo e Péret:

Si existe un placer
es el de hacer el amor
el cuerpo rodeado de cuerdas
y los ojos cerrados por navajas de afeitar


Penso tamén en Saramago e no seu Ensaio sobre a Cegueira e en que toda a dor, todo o noxo, entra por vez primeira polos ollos e que alí seguirá anque non os teñamos. Entra a dor e entra a beleza. E horripílame a idea de algún día non ter a capacidade de ver, xa sexa literalmente ou non.

Levo dous días e medio así, con dor e sen case ver dun ollo. Autodiagnostícome e na Casa do Mar unha médica con tendencias homeopáticas, tras mirarme o iris, decide que a manzanilla é a mellor solución. Non funciona e semella que Rocky Balboa a tomou comigo. Se fose antroido poñería un parche nun ollo e agardaría a que un loro se me pousase no ombro e me berrase as coordenadas do cofre do tesouro. Como non é tempo de disfrazarse, surco de novo cara a Casa do Mar e saio cunha pomada antibiótica garabateada nunha receita médica.

Aínda teño un ollo de pálpebra exaxerada e, ao mesmo tempo, un ollo de case-peixe que vai ter que esquecerse do rímel por unha tempada, anque realmente o único que me preocupa é saber canto van tardar en medrar as pestanas que xa non están?

E aquí estou, soportando o absurdo que supón chiscarche o ollo e non verte.


5/02/2008

Xenética e ambiente

Mañá faise un ano da desaparición de Maddeleine, o pai de MariLuz anda de viaxe recollendo firmas para pedir a cadea perpetua para os pederastas, non nos colle na cabeza o que fixo o tal Fritzl mantendo 24 anos á súa propia filla nun zulo e nin de lonxe somos capaces de imaxinar o que para esa rapaza tivo que supoñer estar encerrada tanto tempo, ter que manter relacións sexuais co seu propio pai e ademais ter fillos del.

Xa hai anos que dende a xenética veñen estudiando as variacións alélicas dun xen que controla a unha enzima, a MAOA. Niveis inusuais desta enzima téñense asociado a depresión, abuso de substancias, transtorno de atención e madurez sexual irregular. Variacións xenéticas do xen que a controla tamén se asociaron a conducta antisocial e comportamento violento. Con todo non se pode ser tan determinista coma Sarkozy, que atopa na xenética a explicación aos suicidios e á pederastia. Seguramente Sarkozy remataría facendo de Francia unha especie de Gattaca, pero todos sabemos como remata o conto.

Gattaca(1997)-Trailer


De feito, os estudos realizados neste sentido indican que non se pode demostrar unha conexión directa entre a xenética e a violencia, se non que en maior medida son os factores ambientais os que fan que ter esa estructura xenética supoña maior probabilidade de densenrolar conductas antisociais. Os factores ambientais dos que se fala, polo xeral, son o maltrato, o abuso sexual, etc e inflúen moito máis cando se dan na infancia.

Non se nace pederasta, non se nace maltratador, non se nace violador...algo tivo que acontecer para que remataran comportándose así, o gran problema agora é que facer ante todos estes comportamentos, se é posible ou non reinsertalos socialmente, se son capaces de cambiar esa forma de actuar, se mediante drogas e/ou terapia psicolóxica se solucionará o problema (se a min me costa cambiar o meu xeito de comportarme en determinadas situacións, comportamentos que non teñen consecuencias excesivamente graves, canto máis non lles costará a eles)...e non so iso, se non se a sociedade (cada un de nós) é capaz de perdoar a unha persoa que tivo a mala sorte de ter uns xens e unhas vivencias alleas á súa propia vontade que fan que o seu comportamento nos dea tanto noxo como para querer facelos desaparecer.

Porque despois penso nas víctimas destas persoas, se os que agora nos dan mágoa nun futuro tamén se comportarán do mesmo xeito que os seus verdugos(o factor ambiental xa o teñen, so lles faltaría o xenético). Semella un bucle de nunca acabar.

Con realidades tan duras e incertas, acudo á ficción, acudo a Kevin Bacon e a unha película do 2004: The woodsman (O leñador). Non é unha película dura, durísima, pero tampouco é unha película fácil de ver. Inquieta moito porque é moi complicado poñerse no sitio, porque ninguén quere ter un caso semellante preto, porque o perdón é moi difícil, porque hai cousas que non podemos xustificar emocionalmente por moito que poñas un xen ou unha historia persoal dura detrás. Recomendo vela.

The Woodsman(2004)-Trailer



5/01/2008

Estimulación excesiva

Agonía

Ignoro a vida media das flores de cidade, pero estímoa escasa: a contaminación, algún acto vandálico no que se vexan envoltas, o mareo de non saber cando é día e cando noite...escasa.

Acontece que chegou ás miñas mans un tulipán que residía á beira dos Xardíns de Méndez Núñez unha noite calquera. Estaba aberto, supoño agora que porque tiña unha farola iluminándoo xusto enriba del. No traxecto que me levou a unha cafetaría preto da casa foise pechando, lentamente, morrendo nunha agonía silenciosa por falta de luz e verse a flor arrincada e privada do seu sustento.

Pouseina na mesa da cafetaría, tremendamente iluminada esta e quedei mirando para ela. Mirando cun asombro infantil os pétalos abrir, dun xeito lento, nunha certeza de vida, nunha resposta absurda a un estímulo lumínico, dun xeito autómata. Deixei morrer esa flor que na noite aínda se mantiña aberta e que, se poidese, de seguro que emitiría sons desagradables mentres morría tentando redirixirse á luz, tentando que a savia seguise fluíndo por todo o seu ser, tentando, quen sabe, dar unha chamada de atención co seu recendo exquisito. Pero rematou a súa vida semi-estática diante de min sen que fixese nada máis que mirala e observar a súa reacción ante a luz que lle daría vida en circunstancias normais e que non era máis que un estímulo ao que de xeito mecánico reaccionaba aínda tendo a certeza de que non lle serviría de nada máis que gastar enerxía e levala á morte.

Era unha flor bonita. Cando xa non foi, nada lle doeu. A dor ten unha compoñente emocional e por tanto subxectiva...un vexetal o máis seguro é que reaccione a un estímulo calquera pero non creo que o procese máis alá da sensación. Un ser humano si e a agonía nos últimos días de vida de calquera persoa ben merece que a eutanasia sexa algo máis ca unha palabra.

Asociación DMD

(realmente isto comezou porque non me gustaría tentar revivir cando estou recibindo estímulos por outro lado que me indican que non me vai valer a pena, que sigo morta. se morta estou, se morta vou estar, morta quedo)


12/01/2007

Sobre a SIDA

O meu traballo é físico, tanto no esforzo coma no contacto, nada de mecánica cuántica, e chegou a hora na que tiven diante de min a unha rapaza que, entre outras moitas cousas, era seropositiva. Foi como se os meus pensamentos se bloqueasen e non prestase atención a outra cousa que non fose iso. Disimulaba a miña incapacidade de reacción, quedara bloqueada e estábame preguntando por que me estaba poñendo nerviosa. Repasaba mentalmente, dun xeito exaxerado, todas as medidas de precaución que debía tomar as veces que a rapaza viñese, tanto para min coma para o resto da xente que despois pasase por alí.

A cuestión pasou e deime conta de que, en certa maneira, a primeira reacción que tiven foi medo ao velo todo tan cercano e tan claro. A SIDA hai que tomala en serio, sobre todo nos casos nos que non se amosa tan claramente e cando non a asociamos a momentos de diversión.

Galicia é a sexta comunidade con máis casos de SIDA rexistrados dende 1981, cun total de 3.593 persoas contaxiadas segundo os últimos datos recollidos en xuño deste ano. Actualmente, a principal causa de transmisión son a práctica de relacións sexuais de risco.

Está ben saber como previlo, pero mellor está facelo, cousa que ás veces tendemos a esquecer facilmente confiando nos compañeiros sexuais. Sorte temos se acertamos, pero vai ser mellor non arriscarse...

Vixilancia epidemiolóxica da SIDA en España

11/12/2007

Un conto que ben podería ser dos pelachos

En El Hormiguero, Pablo Motos de cando en vez le algunhas das frases de nenos pequenos que mandan seus pais. A min divírtenme moito porque descubres outro xeito de pensar, que ti tamén tiñas, e que a día de hoxe acostuma a relucir pola súa ausencia. Todas esas frases e anécdotas están recopiladas nun libro "Frases célebres de niños" e os ingresos desta obra colectiva son donados á Federación Española contra a Fibrose Quística.

Unha das anécdotas que xa contou é a seguinte:

Un neno que tiña diarrea vai correndo cara súa nai despois de ir ao baño e dille todo asustado:
- Mamá, mamá, que estoy cagando plano!!!

Pois seguindo no plan escatolóxico, hoxe contáronme outra desas frases célebres, desta vez do fillo dun compañeiro:

O neno ía ao baño a facer caca e dille ao pai:
- Papá, papá, ven aquí para estar conmigo.

O pai vai e acompáñao. O neno límpase e dille o pai:
- Moi ben e agora imos tirar da cadea.

E os pais son así, que ás veces din tonterías coma esta
- Ooooooh, marchou.
O neno todo serio contéstalle:

- Tranquilo papá, mañá ven outra.

Todo isto lémbrame aos pelachos e a futuros pais que se han de rir con momentos coma estes (a ver se con menos caca)

Sobre fibrose quística...xa teño falado, pero para máis información: www.fibrosis.org


8/16/2007

Vacuna contra a Esclerose Múltiple

Vexo un chío de tximbalee que me fai sorrir (e de paso correxir aos do diario montañés, porque Stephen Hawking ten esclerose, pero non esclerose múltiple, se non esclerose lateral amiotrófica)

Exitosa proba de vacuna contra a esclerose múltiple.

Parece que funciona e ogallá as seguintes probas sigan dando resultados igual de bos porque sei de moita xente que se aledaría de que por fin na esclerose múltiple houbese esperanza.

4/18/2007

Fibrose quística, solta de globos

Pois de novo, ao igual que o ano pasado, gustaríame que viñese moita xente o domingo a partir das 11:00 da mañá a María Pita. Van facer unha solta de globos dende a Asociación Galega de Fibrose Quística e é algo moi bonito.

Trailer Documental "El beso salado"-Juan Zausen films


Que, alegremente deixou de ser unha enfermidade pediátrica e así, esta frase atopada no s. XVII (por aí andaría Quevedo facendo das súas), vai deixar de ter sentido:

Pobre de aquel niño, que al besarle sepa a sal; un misterioso embrujo, se lo llevará

E vide! Domingo de 11:00 a 13:00 horas na Praza de María Pita

12/01/2006

Non perdas a cabeza

Vergessen ist ansteckend




Atopo a través de W. Sobchak, en CCCP, este video en Houtlust. Refírese ao SIDA e pódese aplicar a moitos máis casos, pero neste, non merece a pena o de "living la vida loca"

7/15/2006

Hai que coidar as orquídeas

Non sei se o dixera, pero resulta que o veciño novo, usa slips, o cal me lembrou unha conversa que tivemos uns amigos, non fai moito, sobre a roupa interior masculina.





Resulta que as venas dos testículos recollen o sangue do pelxo pampiriforme. Cando as válvulas non son capaces de facer a súa función, as venas dilátanse e elónganse. Iso chámase varicocele. Polo xeral danse máis no lado esquerdo, que seica tamén é o máis grande.Ou non. Pero para medir tamaños, xa está o orquidómetro:

Non sei se se utiliza ou non nas consultas dos urólogos, pero seguro que mandan o equivalente que nos mandan a nós, ademais de preocuparse doutras cousas.

E todo isto enlaza cos calzóns porque andaban discutindo cal era mellor, o slip ou o boxer. Partindo da base que o mellor é o algodón (por iso de que a licra e outros tecidos provocan aumento de temperatura na zona, o cal repercute negativamente nos espermatozoides): uns rexeitaban o slip porque, como van máis apretadiños, tamén aumentaría a temperatura local e outros, rexeitaban o boxer porque viran por algún lado que, levándoos tan folgados, posibilitaba a aparición de varicocele. Isto último non se demostrou de ningún xeito, pero debe ser porque cando xa diagnostican o varicocele, recomendan usar slip para que a zona estea máis recollida e aliviada (igual que as medidas de compresión no caso de I.V.C.). Todos tranquilos que xa solucionaron o problema: tres modelos e total garantía.

Así, a ver se facemos entre todos que as orquídeas (do grego orchis, testículo) deixen de ser consideradas pola CITES como flora salvaxe ameazada. Fotos aquí e aquí. E de paso, devólvolle a Larvós a inspiración.


6/17/2006

Amenceres en azul


Encántame que o meu corpo segregue endorfinas e que o hemisferio esquerdo controle a negatividade que ás veces ven do dereito.

En casos de dor física, ás veces é útil a electroterapia. O alivio da dor prodúcese pola estimulación das fibras aferentes de maior tamaño (máis rápidas) e o bloqueo das fibras nociceptivas de menor tamaño (máis lentas) na asta posterior da medula espiñal (teoría da porta de entrada de Melzack e Wall, 1965) ou eso foi o que me contaron cando estudiei. Tamén se pode aliviar a dor mediante a liberación de endorfinas no sistema nerviso central co TENS a determinadas frecuencias

De momento a min non me fixo falla, atopei a canción perfecta (download, download...a ver se vai, que o castpost estaba de capa caída "y me tuve que buscar la vida") pra amencer en azul cantas veces me pete e darme o meu chute particular.

6/01/2006

O meu boicot particular

Porque yo lo valgo que dirían por aí, vamos a facer trasnadas. Estades todos nominados.

E ben, falando de boicots e demais cousas, a natureza, o azar ou a man de Deus, ás veces boicotéannos a nós mesmos. Falo desas mutacións xénicas que aparecen de vez en cando e que nos recordan ao que nos ensinaron dos chícharos de Mendel.

Un de tantos boicots que pasan no mundo chámase ELA, investigacións que se fixeron e se seguen a facer andan mirando o defecto xenético que leva á mutación da enzima superóxido dismutasa 1 (SOD1) que anda algo implicada no tema pero non en tódolos casos. Outra liña de investigación anda centrada no glutamato, un neurotransmisor que está presente en altos niveis no suero e no líquido cefaloraquídeo desta xente boicoteada, non se sabe porqué, o único que se sabe é que cando as neuronas están expostas durante moito tempo ao glutamato en cantidades excesivas, morren. E neste caso as que morren son as neuronas motoras superiores (as do cerebro) e inferiores (as da medula espiñal) co cal os músculos non reciben impulso nervioso e todo dexenera nunha atrofia muscular con perda de forza, espasticidade, calambres, fasciculacións e todo músculo voluntario (que podemos controlar) xa non é tal.

E hoxe tiña pensado encargar comida pra non facer de comer, e estimular o meu gusto co umami (ademais do doce, salgado, agre e amargo) pero mudei de idea, a pesar de que din que o E621 non ten efectos nocivos pra saúde.

Dá igual, eu hoxe ando de boicot. Por eso andades todos nominados pero non vos poñades malos.

5/13/2006

Imos facer algo



Onte chegoume ao correo da casa unha carta de Médicos Sen Fronteiras cun Muac destes (Mid Upper Arm Circunference) que mide o grao de desnutrición dos nenos. O que teño eu ten catro cores: vermella, laranxa, marela e verde. Na zona que abarca a circunferencia vermella so me entran dous dedos...pois un braciño que abultase coma os meus dedos índice e corazón sería o de un neno moi desnutrido e con moito risco de morrer.
Non sei como chegou esta carta a min, pero pensando no post anterior, misioneira non serei pero tampouco mala persoa.

Despois sobre o que moitos pensamos, se a axuda chega ou non chega...ten que chegar!

5/06/2006

Rexeito


Copio e pego o que me chegou, despois de ler isto:

"COMUNICADO DE REXEITA AO PROXECTO DE DECRETO DE TERAPIAS NATURAIS INICIADO POLO DEPARTAMENTO DE SALUT DA GENERALITAT DE CATALUNYA

A Generalitat de Cataluña pretende publicar un decreto para regular as Terapias Naturais que permitiría a persoal non sanitario desempeñar actividades terapéuticas e de prevención sanitaria.
No borrador de dito decreto recóllense contidos formativos e procedementos terapéuticos que xa están regulados académicamente nos plans de estudos das titulacións universitarias de Fisioterapia e Medicina, como son: Terapias manuais (osteopatía, quiropraxia, masaxe, etc.) Kinesiterapia nas súas diversas modalidades (drenaxe linfático, reeducación postural global, electroterapia, etc.)
Esquece a Sra. Conselleira, a definición e funcións da Fisioterapia, tanto no seu significado etimoóxico: "terapia manual"; como conceptual: "A arte e a ciencia do tratamento, prevención e rehabilitación por medios físicos".
O decreto nace adoecido por unha evidente desinformación sobre a fisioterapia dende os ámbitos académico e profesional, que non foron consultados pola Consellería de Saúde, e consecuentemente invade os ámbitos competenciais dos fisioterapeutas que xa veñen ofrencendo á sociedade os recursos asistenciais antes citados, VULNERANDO a lexislación académica e profesional das condicións para o exercicio profesional da fisioterapia en Cataluña e o resto de España (Ley 44/2003. Ordenación das Profesións Sanitarias. BOE nº 280 de 22/11/2003. Art. 7.B).
..........
..........
Entendemos que o Ministerio de Educación, a través dos plans específicos, é o único Organismo competente para a concesión dun título propio das Ciencias da Saúde. Cremos estar, polo tanto, ante a regulación encuberta dunha profesión sanitaria, realizada totalmente de costas á Universidade e aos Organismos competentes.
..........
.........."

Aquí o proxecto, e aquí os que o piden. E aquí a definición do que me da de comer. A ninguén lle gusta que lle corten as ás e con isto eu sinto que me están rompendo as mans. Esta é unha opinión coma outra calquera e un sentimento propio.

Dicir tamén que a Consellería de Saúde do Goberno Catalán comprometeuse a retirar o Decreto de Regularización das Terapias Naturais.

4/25/2006

Love me tender, love sweet, never let me go.


Xa todos teremos oído falar da fibromialxia, ese síndrome ou, como refiren por aí moi ben, entidade de etioloxía idiopática-descoñecida que afecta a un 2% da poboación, que se caracteriza por unha dor músculo-esquelética crónica. Sempre me chamou moito a atención porque ata o de agora non hai probas clínicas coas que confirmar o diagnóstico, co cal non é considerada enfermidade e si un síndrome (un conxunto de signos e síntomas).

E como non lle vou descubrir nada a ninguén pois comentar algo curioso: o transtorno de conversión, que é cando a nosa cabeciña expresa as súas cousas afectando ao noso corpo acabando nun estado nada saludable, similar á somatización, so que as conversións seméllanse máis aos procesos neurolóxicos. Hoxe falamos destes transtornos pero fai un tempo falaban de histeria cuns tratamentos que calquera rexeitaría e a conto de todo isto, cos avances da ciencia, resulta que os transtornos de conversión que antes se manifestaban en forma de cegueira, parálise dalgún membro etc comezaron a non ser tan frecuentes, posto que xa se podía saber se o problema era real ou non.

Hai por aí varios estudios sobre se a fibromialxia pode ser unha manifestación dalgún transtorno psicolóxico-psiquiátrico, o cal seguro que pode molestar a quen a sufre.

De momento quedamos co que di o American College of Rheumatology sobre os criterios diagnósticos.

4/21/2006

Proposta para o domingo


Ademais de ir de paseo polas librarías o que queira que se anime: de 11:00 a 13:00 na Praza de María Pita a inchar globos e a botalos logo ao aire (esperemos que o tempiño acompañe). Se precisas dun motivo máis para volver a ser un neniño, pois aledarás a moita xente.

Sooooooooooooooooooooooopla!!!!! E se non creo que tamén teñen bombonas de helio (e venme á cabeza O demo me leve) .

Ale, que nos vemos.

3/22/2006

Un ombreiro


Un ombreiro calquera éche moito máis do que parece, riba dun podes chorar, podes atopar apoio para a cabeciña cando cansa de rebulir, podes botarlle unha man e amosar moitos sentementos, podes subilo na busca da ourella e mesmo coa fazula ir a buscalo... cando suben os dous pode que non saibas por que e cando comezas a menealos amodiño o corpo sigue detrás na busca dese baile. Bótalos cara atrás para darlle unha aperta ao lombiño tan castigado e eu polo xeral téñoos castigados a proxectarse cara adiante nunha postura similar ao Pensador de Rodin.

Un ombreiro non é unha articulación calquera, son catro. Se algunha falla o ombreiro non é o mesmo. Articúlase o húmero coa escápula, articúlase a escápula coa clavícula (a través do acromion), articúlase a clavícula co esternón e volvemos a escápula que tamén se articula coa parede torácica a través de dous musculiños que normalmente non sabemos nin que os temos (o subescapular e o serrato anterior). Poderiamos engadir mesmo outra articulación máis, se admitimos esta última, a articulación subdeltoidea.

O conto é que con todas estas articulacións hai moitos máis ligamentos e un lote de músculos cos seus correspondentes tendóns implicados no movemento dun ombreiro.

Quero que non me doia máis e recupere a súa funcionalidade. Sana, sana...
(A parelliña esta ven sacada desta páxina)

3/09/2006

Sábado, sabadete

¿Pero en que país vivimos? A min é que me da a risa, pero moita risa. Aparte do chuzas que somos (aquí tamén comentan algo) paréceme incrible que lle estean dando publicidade e todo (acabo de velo no supertelexornal da TVG, con hora e lugar incluídos).

O peor do conto é que supostamente é para batir un récord Guiness (viva a cervexaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaa), a ver se lles gañamos aos de Sevilla, ole mi niño.

E falando da cidade en cuestión, a finais deste mes voltarei a visitala. A primeira e única vez que fun foi cando era algo máis pipiola, con 19 aniños case recén cumpridos. Unhas xornadas de estudantes que organizaran alá e non sei como foi a cousa e metinme no grupo que ía. E claro, a vida de estudiante xa se sabe...preciosa.

Cousas a destacar, todo en xeral, pero así que me impactaran máis...é que me da vergonza e todo. A manzanilla riquísima. A única bebida non alcólica tomada foi unha auga embotellada media hora antes de liscar de volta a Coruña, e foi auga porque acababa de perder a chave da taquilla da estación de autobuses e estaba o ánimo algo decaído. Descobremento da existencia de "Tele-botella" con xeo incluído. Descobremento do que era un botellón: unha praza diante dunha igrexa enorme petadísima de xente coas súas bolsas espirituosas entre os pés porque non collían noutro sitio. Descobremento de que en Sevilla non se fala galego e que o porteiro en cuestión non te deixa entrar porque pensa que estás bébeda (tiña razón, pero non era para tanto, eu falaba o que aprendín...so tiña un leve problema espacio-temporal...pensaba que estaba na terriña). A casualidade de que aquel rapaz que che fixera tilín fose de Novelda...ao ano seguinte, creo (se non foi ese) en Novelda caeu o gordo.

En definitiva...non sei se sairei o sábado, en caso de que si ¿por que sitio da xeografía galega me deixo caer?

Tags: licor café, ron, cervexa,máis cervexa, güisque se se tercia e viño seco de Madeira.

2/18/2006

A Viagra tamén vale para algo máis


Resulta que existe unha enfermidade chamada fibrose quística e entre os seus síntomas, os máis significtivos son os respiratorios. De tódalas cousas que ocorren nos pulmóns, unha é o estreitamento das pequenas arterias pulmonares e a menor calibre máis resistencia ao paso do sangue que ven do corazón (ventrículo dereito) que leva tamén a unha insuficiencia cardíaca co conseguinte aumento do tamaño do músculo do corazón. A ver, o corazón ten que bombear máis forte para que entre o sangue necesario.

Nunha erección, o que pasa é isto: estimulación sexual, relaxación e dilatación das arterias do pito en cuestión e aumento do fluxo sanguíneo a esa zona. Moito sangue entrando e pouco saíndo e bunda, bunda, treme-bunda.

Acción do sildenafil (Viagra, trademark): inhibe unha enzima. Esa enzima, a fosfodiesterasa-5 o que fai é bloquear o músculo liso das arterias o que impide a súa relaxación. Eso é o que teñen en común as pirolas mailos pulmóns.

É incrible que un grupiño de átomos unidos así tan panchos poidan influír tanto no conxunto que forman todos eles.

Dicir tamén que a Viagra non é milagreira, fai falla moito máis que a súa acción en solitario e tampouco é imprescindible. Coma todo.