12/30/2007

Sobre a blogonovela galega

Alédame sobremaneira que sexan outros os que falen agora do tema, caso de Brétemas, porque hai case un ano a convocatoria do I Premio Blogomorgue de Novela buscábase ese feito e dicíase que:

"2º. Cada orixinal presentarase nun blogue feito para a ocasión ou ben tagueado convenientemente antes do día 10 de abril de 2007 ao correo blogomorguenarrativa no gmail punto com."

O destacable foi que non tivo éxito ningún e as tentativas de facer de "20.000 razóns para esquecerme de todo" unha blogonovela integrada noutro blogue quedaron nun proxecto inacabado, anque ás 20.000 razóns ao heille dar fin no ano que ven.

Por estes feitos é polo que me aledo ao ver (e ler) "A doble morte de Carina Mourela" da man de arume dos piñeiros, os meus ánimos para que siga coa iniciativa e así teñamos a primeira blogonovela galega. Por outra banda, a ver se así se anima máis xente na próxima convocatoria do II Premio Blogomorgue de Novela.


12/23/2007

Boas festas

Tiña idea de facer algo máis persoal este ano para felicitar as festas, non sei ben por que. O caso é que nin conto co tempo, nin cos medios necesarios e, de momento, vai ir un simple desexo para todos vos:

Que pasedes moi bos momentos cos que máis queredes.

12/21/2007

Entrevista a Rafa Villar

Esta entrevista é unha actividade cultural no blogomillo posible grazas á colusión de tres persoas que compartimos administrar blogues, gusto pola poesía e termos leído os tres o teu último poemario.

Somos tres persoas que participando activamente no SORTEO CULTURA MARIÑEIRA DA AMIZADE GALEGO-PORTUGUESA descobrimos a nosa afección común pola poesía, e plantexamos unha entrevista ao poeta por parte dos lectores.

Non somos un grupo mediático, nen unha editorial, nen membros do consello de redacción dunha revista especializada sequera, somos sinxelamente lectores de poesía que aquí e agora aproveitamos para agradecerche que respondeses afirmativamente ao noso convite, grazas Rafa.

Singradura da relinga-A modo de presentación, para que te poidan coñecer quen visita os nosos blogues, pódesnos dicir quen é a persoa que ten creado Memorias de Ahab?


Rafa Villar-Pois é unha persoa, nada en Cee hai uns 39 anos, que entre as súas actividades é escritor de poesía.

Estudei a carreira de filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballo como lingüista no Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

‘Memoria de Ahab’ é o meu undécimo libro de poemas editado logo de apenas uns catorce anos publicando obra poética individual.

Á parte disto, estiven vinculado a asociacións de carácter literario como o Batallón Literario da Costa da Morte, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a editorial alternativa “Letras de Cal”. Noutra faceta persoal, veño desempeñando labores de portavocía na plataforma “Nunca Máis”.



Singradura da Relinga-O afloramento é o fenómeno natural que converte ás nosas Rías nun dos ecosistemas máis ricos do mundo. Cal pode ser a explicación da fecundidade da literatura galega, e concretamente no teu caso cal é a enerxía que permite que teñamos ao noso dispor unha obra poética como a túa?

Rafa Villar-Penso que a fecundidade da literatura galega, a súa vizosidade, ten a ver, en parte, cunha vontade colectiva de resistencia e de persistencia. De resistencia á asimilación que como pobo e como cultura vimos padecendo desde hai séculos, e de persistencia nesa vontade de mantermos unha identidade propia, vehiculizada a través dunha lingua e cultura xenuínas.

Beliscos Pequenos-No 2001 Memorias de Ahab xa fora publicado na rede na túa páxina Mares de Sinbad e iniciativas semellantes tamén as teñen levado a cabo outros escritores como María Lado ou Carlos G. Meixide. Contando cunha boa traxectoria literaria detrás, que é o que te motiva para colgar na rede a túa obra?

Rafa Villar- A min a rede sempre me pareceu un soporte máis que aproveitábel á hora de difundir a literatura, e nese sentido nunca tiven demasiados prexuízos ao respecto. De feito, fun dos primeiros autores literatura galega en manter un sitio web persoal (hoxe inactivo) para dar visibilidade ao meu labor literario e mesmo publiquei libros aproveitando as posibilidades e o formato da rede.

Homesdepedra-O versolibrismo impera. En que parte da andaina quedou esquecida a métrica?

Rafa Villar-Penso que a poesía, por sorte, está sometida a cambios e mudanzas, e a experimentacións do máis diverso. Nese continuo devalar a métrica non deixa de ocupar o seu espazo, obviamente diferente ao que ocupaba hai un século. En todo caso, eu defendo as posibilidades expresivas do poema máis alá da estrutura métrica, o que non nega a posibilidade de que persoalmente desfrute cun soneto ben escrito. O que é raro -e dígoo como constatación- é que unha persoa nova que comece a escribir poesía o faga desde unhas estruturas métricas moi ríxidas, algo que si era habitual no pasado.

Singradura da Relinga-O Mar está presente ao longo de prácticamente toda a túa poesía, mais na túa última entrega ocupa un lugar central e mesmo poderiamos dicir que lle outorgas o don da ubicuidade. A que é debido?

Rafa Villar- É innegábel que desde os primeiros tatexos do meu traballo poético o mar foi un elemento básico e central. Tanto o mar na súa virtualidade máis física como o mar como referencia simbólica. E así, moitas das miñas imaxes literarias máis logradas teñen que ver co mar e con esa dobre dimensión, porque o mar transmite unha beleza intensa e á vez posúe unha capacidade de evocación enorme. O mar tamén é en si mesmo -e vós sabédelo mellor ca min- un espazo de liberdade case absoluta. Iso, en termos literarios, oferece unhas posibilidades tremendas.

Beliscos Pequenos-A Costa da Morte foi unha das zonas máis afectadas polo chapapote do Prestige, como afectou este feito no ámbito literario e como o viviches ti?

Rafa Villar-A moitos niveis o Prestige significou unha gran conmoción e non só para as xentes da Costa da Morte, senón para o país enteiro. Iso, a nivel persoal, tivo tamén unha plasmación no plano literario, como se pode ver, sen ir máis lonxe, no poema final do libro ‘Memoria de Ahab’, o titulado “Rastros de mar”.

Homesdepedra-A túa é unha poesía valente. Aínda e posible vivir da valentía nestes tempos?

Rafa Villar-Pois non che sei se é tan valente... En todo caso, indo á pregunta, coido que non só é posíbel facelo, senón que é necesario. A miña ollada persoal sobre estes tempos non é moi esperanzadora, e non pode selo cando máis dun terzo da humanidade malvive neste planeta. Un planeta contra o que, por certo, o ser humano parece conspirar día a día (xa sabe que detrás diso está un modelo económico, o do capitalismo, que é en si depredador). A outro nivel, tamén provoca bastante descougo ver a perda de vitalidade da nosa lingua, e mesmo o grao de indiferenza que semella amosar a sociedade galega ante iso.

Singradura da Relinga-Para nós o Batallón Literario da Costa da Morte representa un proxecto cultural colectivo que desapareceu baixo o peso do seu propio éxito, e que mentres estivo activo configurou unha referencia de dinamización desde a base do sistema literario galego, con actividades como por exemplo o recital de poesía na Vila de Esteiro desde o Palco da Festa das Carrilanas da que non sabemos se te acordas. Ti, como destacado integrante do Batallón, que opinas ao respecto?

Rafa Villar-Ben, de entrada, que o Batallón Literario non morreu de éxito... Si que lembro (e cónstame que non son eu só) o recital de Esteiro, no Palco da Festa das Carrilanas, e outros dos moitos actos desenvolvidos polo Batallón. De feito, aínda recordaba hai pouco con algún daqueles tripulantes que xa ían uns dez anos das primeiras actividades feitas. Dito isto, tamén me penso que é boa cousa reivindicarmos, colectivamente, o traballo feito polo Batallón Literario, que penso que tivo moito de labor desinteresado que procuraba apenas a dinamización sociocultural da Costa da Morte desde o ámbito literario. En certa maneira, naquela altura algo fixemos e algo conseguimos. Se cadra o que dá máis mágoa é vermos que ese labor non tivo demasiada continuidade e penso que aí nós -eu o primeiro- temos que ser algo autocríticos ao respecto.

Beliscos Pequenos-A nova colección Edoy Leliadoura de Sotelo Blanco na que se publicou Memorias de Ahab, está centrada na poesía e outras editoriais como Xerais e Galaxia tamén lle están prestando máis atención. Hai un resurxir da poesía en Galicia?Por que se fai tan necesaria?

Rafa Villar-Non teño moi claro que haxa un rexurdir da poesía en Galiza nestes momentos; se cadra, persoalmente iso visualiceino máis aí a mediados da década dos 90, cunha implosión dunha nova fornada de poetas, con colectivos literarios funcionando, con novos proxectos editoriais... En todo caso, hoxe por hoxe a poesía no noso país é un xénero literario moi dinámico, no que conviven poetas de catro ou cinco xeracións, con preto dun cento de títulos ao ano. Ben, que non hai queixa. E isto quizais se deba a que a poesía, ademais de ter en Galiza unha longa e fecunda tradición, segue a ser unha forma de expresión artística de difícil reemprazo. Poida que, cos tempos, vaia mudando, pero sempre está aí,sempre acaba por aparecer. E nesta beira atlántica, tamén.

Homesdepedra- Case todos algunha vez da nosa vida tentamos escribir “poesía”. Cal é a fronteira que separa a un “xuntapalabras” dun poeta?

Rafa Villar-Existe realmente esa fronteira? En todo caso, non é doado estabelecela. Supoño que cada época, cos mecanismos dos que se dote o chamado sistema literario, vai marcando os límites e definindo os trazos daquilo que se pode considerar ‘poesía’. Para min, a poesía é fundamentalmente un acto de linguaxe, que comunica, reflexiona, conmociona, mesmo divirte... A partir de aí, penso que o/a poeta non é ningún ser especial, tocado pola divindade, senón unha persoa normal que, con máis ou menos talento, emprega a linguaxe dentro dun esquema que tradicionalmente se considera como poesía. Así que, no fondo non somos máis que “xuntapalabras”. Ha, ha, ha...

Singradura da Relinga-Tendo o epicentro na Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, no noso país neste momento desenvólvese como unha vizosa realidade a Cultura Mariñeira, entendida como movemento cultural a prol da difusión e defensa do noso patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar. Cómo valoras a aparición deste fenómeno de base asociativa nas vilas e cidades de Galicia?

Rafa Villar- Que vou dicir?... É obvio que ante fenómenos coma este só cabe compartirmos obxectivos. Calquera movemento cultural xa é si mesmo é moi importante, e máis nun país coma o noso país. Por outra banda, que o seu obxecto sexa a defensa do noso patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar, aínda o fai máis necesario e atractivo. Resultaría imposíbel explicar a nosa identidade como galegos e galegas sen o que significa o mar; o mar como traballo, como vínculo, como cultura, como paisaxe, etc. Pola miña banda, só podo admirar e aplaudir o voso traballo, así como animarvos a que perseverades nese labor.

Beliscos Pequenos-Memorias de Ahab, co seu título fai que lembremos a Moby Dick, outro libro relacionado co mar. Poderíasnos recomendar outras lecturas coa mesma temática?

Rafa Villar-Teño que recoñecer que non son un gran lector de literatura “mariñeira”, se cadra porque tampouco non é unha temática tan común como pode parecer. En todo caso, ademais da xa dita ‘Moby Dick’, de Herman Melville, vou citar dúas obras que ao meu ver son imprescindíbeis (e se cadra moi obvias): en poesía ‘De catro a catro’ do poeta galego Manuel Antonio e en narrativa ‘The old man and the sea’ [O vello e o mar], de Ernest Hemingway.

Homesdepedra-“Se o voo dunha bolboreta perdida pode mudar as cores do mundo” . A solitaria pluma dun poeta , que pode chegar a mudar?

Rafa Villar-Moito menos do que nos gustaría aos que escribimos poesía... Ben, en todo caso algúns asumimos que, aínda nunha sociedade tan complexa como a que vivimos, a poesía debe servir para, humildemente, avivecer os espazos máis críticos que existan, rachando con ese amorfo “pensamento único” que os poderosos tentan impor. Nese sentido, a poesía debería apuntar cara ao inconformismo, desde unha ética diferente á modelada desde o poder. Evidentemente, non sempre foi así nin sempre será así, mais en todo caso si pode ser unha proposta a realizar. No meu caso, procuro que sexa desta maneira. Aínda que tampouco quero enganar a ninguén, e menos a min mesmo, acerca sobre a s-mínimas- posibilidades reais que ten de incidir a poesía na transformación dunha sociedade.


Ah!. Un último apuntamento para vos agradecer o interese en facer e divulgar esta entrevista. Reitero a miña admiración ao labor que desenvolvedes. Avante toda!



12/18/2007

Be palán, my friend...

O domingo houbo de novo xornada billardeira con moitas novidades que se irán adiantando no blogue da Conferencia NorOeste.

Mentres, un vídeo dos nosos palanadores coa música de The Homens. Aproveitando a ocasión, temos que dicir que fontes fidedignas informaron que Martin Wu é seguidor da franquicia Tronos do Masma (que vivan os fans) da Conferencia NorLeste. Dentro vídeo (Bruce Lee mediante):

Be palán, my friend...


E aproveito a ocasión para presentarvos ao meu palán semituneado:



Hoxe, máis convencida ca nunca, digo: soa non podes, con amigos si.


12/16/2007

Como liquidarme definitivamente

Empregar penicilina, os dardos envelenados non son eficaces.


12/06/2007

Blade Runner e a empatía

Roy Batty: Eu vin cousas que vos non creriades: atacar naves en chamas máis alá de Orión. Vin Raios-C brillar na escuridade preto da Porta de Tannhäuser. Todos eses momentos perderanse no tempo como bágoas na chuvia. É hora de morrer.

[Roy morre. A pomba sae voando cara o ceo. Aparece Gaff ]

Deckard (voice-over): Non sei por que me salvou a vida. Pode que neses últimos momentos amaba a vida máis do que a amou nunca. Non so a súa vida: a vida de todos. A miña vida. Todo o que el quería eran as mesmas respostas que todos buscamos: de onde veño, a onde vou, canto tempo me queda...Todo o que eu podía facer era sentarme alí e velo morrer.

Gaff: Fixo un bo traballo, señor. Supoño que xa está rematado.

Deckard: Rematei.

Gaff: Mágoa que ela non poida vivir. Pero, quen vive?

[ Corte. Apartamento de Deckard. A porta está aberta ]

Deckard: ¿Rachael? ¿Rachael? ¿Rachael?

[ Deckard atopa a Rachael durmindo ]

Deckard: Quéresme?

Rachael: Quérote.

Deckard: Confías en min?

Rachael: Confío.

[ Deckard e Rachael saen do apartamento. Camiñan cara o ascensor ]

Deckard: Rachael.

[ Rachael roza co seu pé unha pequena figura de papel. Deckard recóllea e obsérvaa detidamente. É un unicornio de origami ]

Gaff (recuerdo): Mágoa que ela non poida vivir. Pero, quen vive?

[ Deckard e Rachael abandoan a cidade en coche ]

Deckard (voice-over): Gaff estivera alí e deixáraa vivir. Catro anos, cría el. Estaba enganado. Tyrell dixérame que Rachael era especial: non tiña data de remate. Non sabía canto tempo estariamos xuntos. Quen o sabe?


Guión de Blade Runner en castelán


___________________________________


Rutger Hauer (aka Roy Batty): "Esquece o final feliz. Nin sequera me gusta o que Deckard se vaia con Rachael ao final. Para min non tiña sentido que Deckard se enamorase dun replicante. A verdade, Deckard sempre me pareceu algo enfermizo, porque o que estaba facendo era fugarse cun vibrador que parecía unha muller.

Hai xente que se enfada comigo cando lles digo iso. Sempre me din: "Non o entendeches, Rutger. Deberías ler a novela de Philip K. Dick." E o que eles non saben é que si lin o libro. E creo que a súa moralexa se reduce ao seguinte: "Pode amarte un ordenador? Non, un ordenador non pode amarte." Fin da historia."


"Como se hizo Blade Runner. Futuro en negro." Paul M. Sammon



12/04/2007

Irracionalidades e supersticións


Dunha das viaxes a Madrid collín do Parque do Retiro unha castaña de Indias e dende entón lévoa sempre comigo (é a máis pequena da foto). Non sei por que, pero metina no bolso e alí se quedou.

Hai pouco, nunha comida familiar, saiu unha tía avoa falando das castañas da envexa, que ela sempre leva unha na carteira e que seica lle trae boa sorte. Quedou a cousa aí ata que, dalí a pouco, me trouxo miña nai dúas castañas da envexa, que resultaron ser castañas de Indias para a miña sorpresa. Parva de min, tamén as conservo comigo.

Debo dicir que o estiven pensando e non é por superstición, se non que me decatei de que teño tendencia a gardar cousiñas dese tipo: landras, flores murchas, pedras que atopo no campo, cunchas da praia etc Se fose superstición seguro que levaría unha ristra de allos coma o catamarán que nos levara ás Ons no verán.


Vale, admito que tamén teño unha pulseira co Nazar Boncuk, o ollo de Estambul, pero ata que mo dixo Zerovacas eu non sabía nada.

12/02/2007

Galiciae e a evoluciónn xeracional

Pois xa chegou Galiciae para ser lido en castelán como en galego (eu optaría por esta segunda opción, pero so é unha opinión). Á espera das primeiras opinións sobre temas de deseño e outras críticas constructivas, eu aínda lle ando botando un vistazo a este xornal de pasado coñecido (Xeración) e que agora tamén integra a El Progreso, ao Diario de Pontevedra, a De luns a venres e a Galicia Gastronómica. Andaremos e veremos. Eu deséxolles moita sorte ao grupo de persoas que están detrás traballando porque puxeron moito esforzo e loitaron contra ventos e mareas para que este proxecto fose adiante.

Do que quería falar é da violencia contra a muller. Hai pouco saltou á luz o caso de Svetlana, unha muller que foi asasinada catro días despois de acodir ao Programa de Patricia requerida pola súa ex-parella, da que se separara por sufrir malos tratos. Hai programas tóxicos na televisión pero tamén hai outros que, queirámolo admitir ou non, están facendo unha labor educativa no eido das relacións persoais: a Super Nanny, SOS Adolescentes, Terapia de parella etc. Ensinan valores e formas de comportarnos cos demais que xa deberiamos coñecer e que, nun principio, nos poden resultar carentes de sentido, por obvias, e mesmo podemos pensar que as persoas que acode a eles carecen de vergoña por ensinar así a súa intimidade.

Pois ben, eu prefiro que se necesitan axuda para relacionarse cos demais que a pidan (anque sexa deste xeito público) a que me ensinen máis mulleres mortas por culpa de homes que si precisan esa axuda e foron educados nuns valores que non sirven a día de hoxe.

Analfabetismo emocional





Daniel Salgado dá conta no que, a día de hoxe, se converteu Sargadelos: "Díaz Pardo afirma que pretenden desalojarle del edificio donde vive"

12/01/2007

Premio Nacional do Deporte Galego

Pois o Premio Nacional do Deporte Galego á Mellor Iniciativa no Deporte Tradicional déronllo onte a O Varal. A crónica e fotos na de ghanito, a quen lle collo esta prestada. As noraboas no Varal, nas Conferencias NorLeste e NorOeste. Todo un gusto coñecer a Juan Pico, voltar a ver a todos os demais palanadores e con ganas de ver no Tele-Varal a zimmer103 recollendo o premio e ler un discurso que ben merece ser escoitado e lembrado.



O dito, outro deporte é posíbel!

Sobre a SIDA

O meu traballo é físico, tanto no esforzo coma no contacto, nada de mecánica cuántica, e chegou a hora na que tiven diante de min a unha rapaza que, entre outras moitas cousas, era seropositiva. Foi como se os meus pensamentos se bloqueasen e non prestase atención a outra cousa que non fose iso. Disimulaba a miña incapacidade de reacción, quedara bloqueada e estábame preguntando por que me estaba poñendo nerviosa. Repasaba mentalmente, dun xeito exaxerado, todas as medidas de precaución que debía tomar as veces que a rapaza viñese, tanto para min coma para o resto da xente que despois pasase por alí.

A cuestión pasou e deime conta de que, en certa maneira, a primeira reacción que tiven foi medo ao velo todo tan cercano e tan claro. A SIDA hai que tomala en serio, sobre todo nos casos nos que non se amosa tan claramente e cando non a asociamos a momentos de diversión.

Galicia é a sexta comunidade con máis casos de SIDA rexistrados dende 1981, cun total de 3.593 persoas contaxiadas segundo os últimos datos recollidos en xuño deste ano. Actualmente, a principal causa de transmisión son a práctica de relacións sexuais de risco.

Está ben saber como previlo, pero mellor está facelo, cousa que ás veces tendemos a esquecer facilmente confiando nos compañeiros sexuais. Sorte temos se acertamos, pero vai ser mellor non arriscarse...

Vixilancia epidemiolóxica da SIDA en España

As Crónicas de Gáidil

Tiven onte agasallos e alegrías polo aniversario ben bonitos e hoxe chegoume outro, As Crónicas de Gáidil. Dentro del atopei unha grata sorpresa da man do Breogán e de Jan. As Crónicas de Gáidil xa estaban escritas hai tempo, pero parece que o destino quixo que fose nestas datas cando o recibise.



Moitas grazas rapaces, o agasallo de volta será botarlle unha partida en Gael-leach. Acedre, teste que animar tamén!!


11/28/2007

Misión Imposible

Ás veces cando temos metas, obxectivos ou nos plantexamos retos a nós mesmos, tamén precisamos contarllos aos demais coa fin de afianzarnos na nosa decisión e darnos ánimos, posto que canto máis xente coñeza o que queremos facer, con máis ilusión traballaremos para lograr iso que desexamos acadar.

Tenteino cando quixen deixar de fumar e o fixen público e fracasei estrepitosamente, agora volvo a ter outro obxectivo (moi distinto a ese vicio) e antóxaseme misión imposible, pero se o digo aquí igual me obrigo a facer todo o posible para acadalo. De momento deixo escrita esta anotación para lembrarme a min mesma aquelo que quero facer. Pode que non sexa tan imposible se me esforzo.




11/21/2007

PhotoGalicia 2007: Man Ray


Fomos ver a exposición sobre Man Ray "Despreocupado mais non indiferente" na Fundación Caixa Galicia enmarcada dentro de PhotoGalicia 2007. As fotografías de Man Ray gústanme, non sei exactamente que é o que me fascina, pode ser unha asociación de sentementos e conversas sobre el con algunha persoa e algunha das súas fotografías o que me provoque este interés. Tanto ten, Man Ray fixo de todo: pintou, fotografiou, esculpiu, debuxou...pouco lle quedou por facer e un pouco de todo é o que se expón en "Despreocupado mais non indiferente".

Man Ray, dadaísta confeso, é coñecido sobre todo polas raiografías, as copias en negativo e positivo do seu traballo Noire et Blanche e fotografías como Le Violon d´Ingres, Le Baiser, Prayer, Glass Tears, Erotique voilée ou Observatory Time, The lovers, entre outras.

Da exposición conto o que me interesa, centrándome no que me interesa: a cantidade de corpos nús que Man Ray fotografiou ao longo da súa vida e entre eles inclúense a fotografía que abre esta anotación, reseñada na documentación que entregan ao inicio da exposición:

"No 1929, nunha reunión do surrealistas, os directores da revista Variétés, con sede en Bruxelas, anunciaron que non podían pagar o que adebedaba a publicación polas fotografías. O poeta Louis Aragon propuxo que se fixese un número especial de poesía erótica e máis tarde pediulle a Man Ray que achegase as ilustracións. Este abriu un caixón cheo de fotografías para lle amosar a Aragon que xa tiña o que precisaba: unha abundante colección de imaxes sexuais explícitas entre Man Ray e Kiki de Montparnasse. André Breton encargouse da producción do número, cunha tiraxe de cincocentos exeplares, pero as autoridades aduaneiras francesas secuestraron a revista e destruírona."

Ademáis diso a obra fotográfica de Man Ray vai amosando as distintas mulleres que pasaron pola súa vida, dende Kiki de Montparnasse, Lee Miller ou a súa muller Juliet Browner e a moitos persoeiros da época cos que tivo contacto: Marcel Duchamp, Henri Matisse, James Joyce, Jean Cocteau, Juan Gris, Picasso, Hemingway, Stravinsky, Vicente Escudero, Dalí, Coco Chanel ou Henri Cartier Bresson entre outros.

Días despois de ver a exposición, da que saín máis ou menos satisfeita, a conclusión á que cheguei é que a obra de Man Ray (filias, fobias ou despreocupacións aparte) interésame en canto amosa as distintas variantes e posibilidades de creación e experimentación sen alonxarse de temas tan terrenais como son a súa vida amorosa-sexual e o seu grupo de amigos e coñecidos que tanta influencia tiveron os uns nos outros. Vamos, que sen sabelo estaba facendo unha especie de blogue ou fotologue da súa vida e iso sempre é interesante.

Man Ray Trust




11/20/2007

Impotencia

"Teño comprensión e respecto polos que cando pasan á beira do Gaiás desexarían que iso non existise, porque eu mesmo formo parte deles", Anxo Quintana.

Supoño que todos desexariamos ter unha máquina do tempo.


11/19/2007

Así palanamos, así, así

O domingo púxose en marcha a Liga de Billarda do NorOeste con gran éxito no debut, sobre todo por parte da nosa franquicia, a dos Electr@nicos (nome proposto por ghanito a última hora e que aceptamos todos por unanimidade) e se non, a botarlle un ollo ás clasificacións. E así palanamos, amigos. Máis fotos aquí, agardando a que ghanito poña as súas.



Por outra banda, Tele-Varal conta con outra adquisición, uséase eu (algo perdida si que estaba, pero que o fixen con toda a boa intención do mundo). O dito, outro deporte é posíbel!

Ah, e como non, darlle as gracias á xente do Varal que, ademais de axudarnos, tamén trouxeron a choiva!

Tele-Varal na inauguración a LNB-NorOeste

11/16/2007

Sorpresa

Estaba autobuscándome na rede e resulta que eu tiña un bló e nin me acordaba. É do 2005, so ten unha entrada e non teño nin idea de a que me refería cando a escribín. Agora a ver se lle recupero a contraseña e fago algo con el.

Ou rompe, ou racha

Mira ti que cousas.


non sei por que escribo estas cousas

"Non son eu coa que manterías unha conversa seria, unha relación seria, non digas máis". E non dixo máis. Un día esgazará a súa gorxa cun abrecartas. Esa dor de traqueotomía recompensarame a súa eterna falta de recoñecemento.

Os meus ollos fixos nel e o meu sorriso indican fascinación. O que non sospeita é que estou imaxinando o mellor xeito de diseccionalo e que o sangue manche o menos posible a alfombra do cuarto. Oh, claro que non o vou facer, pero é interesante imaxinalo.

Non logra nunca adiviñar se o utilizo ou se el se aproveita de min. A imaxe de muller desamparada, amantísima, comprensiva, sempre dispoñible, resignada, humilde... confunde. Cando se decate das consecuencias será moi tarde.

É de noite. Sabía que remataría falándome en serio. "Voute asasinar." Son feliz porque saquei o peor del e vai vivir un inferno que eu xa imaxinei. Mentres saio satisfactoriamente dun coma, revivirá eternamente a miña pseudo-morte.


Non sei por que escribo estas cousas, son algo horribles. Non hai moita trama, que cada un invente a súa.

Falando doutra cousa, José Manuel Pacho Blanco leva o XIX Torrente Ballester de Narrativa con "A choiva do mundo". O que destacan da obra gañadora é que se trata dunha novela vangardista, cousa que o autor pretendía conseguir e á vista está o éxito. O de novela vangardista explícao moi ben el:

"O que propoño neste libro é un xogo literario, no que se mesturan os xéneros, na procura dunha maneira nova de construír unha novela. Busco unha nova linguaxe literaria. Tento que sexa innovadora, diferente, vangardista... Por iso introduce artigos xornalísticos, textos de teatro, un guión dunha curtametraxe de cinema, relatos curtos, relatos longos, prosa poética..."

Distintas combinacións de formatos nunha novela xa foron experimentadas pero pode que non a ese nivel. Penso que vai merecer a pena lela e que o xeito de expresarse e contar unha historia está mudando, xa di o autor que "Seguimos a escribir como Lorca e Faulkner facían hai 70 anos" e seguramente que a partir de agora vexamos outras estructuras, ás que non estamos acostumados, nas novelas.

Pois noraboa e na variedade tamén está o gusto. Ah, como influencia literaria: Arturo Lezcano.

Nova en chuza!


11/15/2007

Comeza a Liga Nacional de Billarda na Coruña


Domingo 18, ás catro da tarde na pista de billarda da Zapateira, a Conferencia NorOeste vai dar que falar e para iso precisamos de ti!!

Outro deporte é posible!!

Máis en Vieiros e no blogue oficial da Liga de Billarda do NorOeste.


Máis de referencias

A única vez que coincidín con Arsenio Iglesias rematei falándolle do tema das referencias nas creacións literarias actuais ( por poder podíalle falar doutros campos artísticos pero dóuseme por aí, anque ao final rematei xeralizando). Xa non sei ben qeu argumentei pero, máis ou menos, continúo coa mesma postura cara as referencias: amor-odio.

Digo amor, porque cando o propio autor toma fragmentos doutras obras, algún texto ou algún verso, e os inclúe na súa obra, cando utiliza, adapta ou fai alusión a outros autores ou obras para tratar un tema na súa creación etc, ves os intereses do autor, as súas influencias, o que estaban a sentir e experimentar nese intre e iso amósache algo máis íntimo de si mesmo, achegándote máis a ese universo que inventa.

As reflexions sobre ideas, temas etc que xa trataron grandes autores son o punto de partida deses mesmos temas ou ideas que o autor quere expresar e sobre as que quere profundizar e sempre rematan saíndo interesantes puntos de vista adaptados noutro contexto, outra época etc. Amosa iso unha evolución na historia, no ser humano a través do tempo e na individualidade de cada un.

Ao mesmo tempo esas citas permítenche descubrir outras obras, outros autores da man do que estás a ler, o cal sempre é de agradecer.

O tema odio é moito máis cruel e visceral, remato sendo unha Mss Hyde. As referencias demostran unha terrible incapacidade creadora e de expresión á hora de transmitir: non es capaz de expresar, de crear un mundo, unha sensación, un escenario, unhas personaxes sen ter que recurrir a esas referencias, a esas obras que, pola xenialidade dos seus autores ou polo que supuxeron no seu momento, son clave para falar ou meditar sobre determinadas cuestións.

Moi relacionado co anterior, resulta o sinxelo e cómodo que resulta recurrir a esas referencias, facer citas de grandes clásicos: o lector pode admirar a cantidade de fontes das que un bebe á hora da acción creativa, os temas que lle interesan ao autor, os autores favoritos pero...hai que crear, non copiar, imitar, plaxiar ou recrearse nas sensacións que outros provocan, porque iso faino cada un na intimidade da lectura e saca as súas propias conclusións.

Por último a asquerosa sensación que me provocan, ás veces, as referencias é o fastío. Semella que xa está todo dito, que so queda darlle a volta aos argumentos, camuflar a idea doutro xeito para non recoñecela a primeira vista ou, inevitablemente, facer referencia a aquel que tan ben o soubo expresar. Cada vez que atopo citas e citas de obras, autores, frases etc teño o desacougante pensamento de qeu xa non vale a pena crear nada porque todo está xa plasmado, dun xeito ou doutro, no que alguén xa fixo antes ca ti e so queda moverse en espiral arredor dese feito. Iso é desolador.

Non sei vos que pensades sobre iso, pero a min amólame a idea según o día e o estado de ánimo no que me atope. Por iso me gustou o que dixo o outro día Ornette Coleman cando lle preguntarono sobre as súas influencias "As únicas que tiven foron as de meus pais"

Recomendo tamén un artigo de Xavier Queipo na súa sección Cartas Marcadas en Cultura Galega: A cita, ese síntoma.


11/13/2007

Entradas Ornette Coleman



O concerto de Ornette Coleman no Pazo da Ópera está enmarcado nas actividades do 40 aniversario da Fundación Barrié. As entradas son de balde e so se podían retirar dúas por persoa.

A min déronme tres.


11/12/2007

Un conto que ben podería ser dos pelachos

En El Hormiguero, Pablo Motos de cando en vez le algunhas das frases de nenos pequenos que mandan seus pais. A min divírtenme moito porque descubres outro xeito de pensar, que ti tamén tiñas, e que a día de hoxe acostuma a relucir pola súa ausencia. Todas esas frases e anécdotas están recopiladas nun libro "Frases célebres de niños" e os ingresos desta obra colectiva son donados á Federación Española contra a Fibrose Quística.

Unha das anécdotas que xa contou é a seguinte:

Un neno que tiña diarrea vai correndo cara súa nai despois de ir ao baño e dille todo asustado:
- Mamá, mamá, que estoy cagando plano!!!

Pois seguindo no plan escatolóxico, hoxe contáronme outra desas frases célebres, desta vez do fillo dun compañeiro:

O neno ía ao baño a facer caca e dille ao pai:
- Papá, papá, ven aquí para estar conmigo.

O pai vai e acompáñao. O neno límpase e dille o pai:
- Moi ben e agora imos tirar da cadea.

E os pais son así, que ás veces din tonterías coma esta
- Ooooooh, marchou.
O neno todo serio contéstalle:

- Tranquilo papá, mañá ven outra.

Todo isto lémbrame aos pelachos e a futuros pais que se han de rir con momentos coma estes (a ver se con menos caca)

Sobre fibrose quística...xa teño falado, pero para máis información: www.fibrosis.org


Cuestión de referencias

Máis casualidades ou é que eu quero ver casualidades en canto sitio hai. Gústame moito a campaña de Tele 5, 12 meses, 12 causas que están levando a cabo este mes, que é contra a violencia de xénero. Presentaron dous vídeos, un o cactus-home maltratador e outro a muller-flor atemorizada.

Cactus-home maltratador


Muller-flor atemorizada


E hoxe merco El País porque me interesan os contos que vai sacar en conxunto con Galaxia e vexo o Codex Seraphinianus na revista que acompaña ao xornal, un libro que se pode mercar agora por 85 euros, pero polo que se chegaron a pagar barbaridades.



Foi o producto da inspiración de Luigi Serafini con 27 anos no 76. É un pouco surrealista e cun alfabeto, digamos que, inventado.



O conto é que unha ilustracións lembráronme ás outras, non sei se están unhas baseadas nas anteriores, se as toman como referencia ou que, pero parécenme moi boas e orixinais.




11/11/2007

Sorteio Cultura Marinheira da Amizade Luso-Galega

Xa é casualidade. Este sábado vin na TVG o documental "Un mar de velas" dirixido por Pemón Bouzas, máis ben vin a metade do documental, pero gustoume moito. Unha, porque a pesar de que Galiza está moi relacionada co mar, son das que pouca relación ten con el. Con dicir que non che me gusta moito a praia e que foi este ano a primeira vez que fun en catamarán (porque ata o de agora, nin nas lanchas a pedais montara), pois xa teño moito dito.
O outro motivo polo que me gustou, foi pola unión que se amosaba entre mariños e mariñeiros de distintos países, o amor ás súas embarcacións e o traballo, case sen axudas institucionais, na recuperación das embarcacións tradicionais. Un mundo moi sufrido pero, á vez, moi bonito.

Foto no porto de Portonovo, tirada dende o catamarán que logo nos levaría ás Ons.

Falaba de casualidades porque O´Fartura ven de informar do Sorteio Cultura Marinheira da Amizade Luso-Galega que promoven seis blogues, tres galegos e tres portugueses, unidos pola temática marítima. Desta unión que ten como principio ético a amizade e os libros como canle de coñecemento, surxe este sorteo de libros que ten como como principal obxectivo transmitir que um aspecto destacado da cultura marinheira é a amizade entre os pobos, o respecto e o coñecemento mutuos a través do mar e, en particular, dos pobos galego e portugues.

E aquí están as bases do sorteo, atención que copio e pego:

REGULAMENTO DO SORTEIO CM DA AMIZADE GALEGO-PORTUGUESA


1. Objectivo

A divulgação da Cultura Marítima e do património material e imaterial marítimo que nos têm legado as comunidades marinheiras assim como o mar como meio natural, é a motivação que nos move, como administradores de páginas electrónicas de temática marítima, a promover o Sorteio Cultura Marinheira da Amizade Luso-Galega. Temos como principal objectivo transmitir que um aspecto destacado da cultura marinheira é a amizade entre os povos, o respeito e o conhecimento mútuos através do mar e, em particular, dos povos galego e português.

2. Livros a sortear

2.1. Sorteamos os seguintes livros em galego:
- «O Patrimonio Marítimo de Galicia», de Dionisio Pereira. Editora FGCMF Oferta da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial. Exemplar com dedicatória e assinatura do autor.
- «Lanchas e Dornas», de Staffan Mörling. Editora Xunta de Galicia. Oferta da Libraría Sisargas.
- «A Odisea», de Homero. Editora Toxosoutos. Oferta da Libraría Sisargas.
- «O bote polbeiro de Bueu», de Fidel Simes . Editora Xunta de Galicia. Oferta do Grupo de Cultura Mariñeira da Asociación Cultural O Xeito.

2.2. Sorteamos os seguintes livros em português:
- «Cais e Navios de Lisboa», de Luís Miguel Correia. Oferta do Autor. Exemplar com dedicatória e assinatura do autor.
- «História do Batel Vae com Deus», de Raúl Brandão, Editora Edieum. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A noite abre meus olhos», de José Tolentino Mendonça, Editora Orfeu. Oferta da Livraria Luso-Galáica «Orfeu».
- «A Campanha do Argus», de Alain Villiers. Oferta de Mar Adentro Ventosga.

3. Participantes

Integram o sorteio os administradores de páginas electrónicas escritas em qualquer das línguas oficiais dos povos da Península Ibérica, que participem realizando comentários nos blogues promotores. O direito a um boletim para o sorteio adquire-se pela participação em cada um dos blogues promotores, até a um máximo permitido de seis boletins. Aos agraciados ser-lhes-ão remetidos os livros para o endereço postal que indicarem. O espaço geográfico em que se desenvolve a iniciativa é a Península Ibérica, sem prejuízo de valorarmos a possibilidade de ampliar o âmbito territorial do sorteio em função dos pedidos recebidos e do eventual aumento dos gastos de envio que tal implique.

4. Período de participação

O período de obtenção de boletins de participação decorre desde a publicação do presente Regulamento em cada blogue promotor até 31 de Dezembro de 2007 (inclusive), realizando-se o sorteio na segunda semana de 2008 no local das livrarias promotoras através do sistema da «mão inocente», garantindo os responsáveis da libraria e dos blogues promotores a correcta realização do mesmo.

5. Livros em Língua Portuguesa

Os livros em Língua Portuguesa são sorteados entre os bloguistas que tenham participado nos blogues galegos na Libraría Luso-Galáica «Orfeu», de Joaquim Pinto da Silva, em Bruxelas. Rue du Taciturne, 43 Willem de Zwijgerstraat Bruxelles 1000 Belgique. Telefone: +32(0)27350077. URL: http://www.orfeu.net/

6. Livros em Língua Galega

Os livros em Língua Galega são sorteados entre os bloguistas que tenham participado nos blogues portugueses na Libraría Sisargas, de Roberto Castro, en Rúa Curros Enriquez, 9 15002, A Coruña, Galiza. Telefone: +34(0)981200082. Correio Electrónico: libreriasisargas@gmail.com

7. Bloguistas promotores:

Sailor Girl, do blogue «Atlântico Azul»
Luis Miguel Correia, do «Blogue dos Navios e do Mar»
João Veiga, do blogue «Mar Adentro-Ventosga»
O Fartura, do blogue «Singradura da Relinga»
Manuel, do blogue «Homes de Pedra en Barcos de Pau»
Lino, do blogue «Amigos da Dorna Meca».

8. Bloguistas apoiantes:

Adquirem o estatuto de bloguista apoiante do Sorteio CM da Amizade Galego-Portuguesa todos aqueles que nas suas páginas electrónicas publiquem uma entrada com o presente Regulamento e incluam as ligações dos blogues promotores nas suas recomendações, comunicando-o a Sailor Girl e a O’Fartura, o que lhes confere o direito à obtenção de sete boletins suplementares de participação no Sorteio.

Amigas e amigos, até 31 de Dezembro do 2007, administrar um blogue e navegar participando activamente nos blogues promotores do Sorteio CM da Amizade Luso-Galega dá direito a prémios!... Sem mais, recebe um abraço marinheiro. Participa e boa sorte!!!...


Máis información aquí:
Apoio ao Grupo de CM do Xeito ao Sorteo da Amizade
Regulamento do Sorteo CM da Amizade Galego-Portuguesa

Creo que vou participar porque me parece unha moi boa iniciativa e,de paso, a ver se me vou enterando algo máis do tema mareiro.


Avenida de Arteixo



Mentres no Concello de A Coruña non comezan a correxir os nomes das rúas, hai quen o está a facer pola súa conta.
Que me diga o que queiran, pero en galego todo é moito máis bonito (e non me refiro á campaña de Turgalicia do 2006 que é bastante idílica, se non ao día a día).

11/10/2007

Avogando pola descentralización

Vivimos nunha nación, comunidade autónoma, país...o que lle queirades chamar a Galiza, que é como é. Está inzada de aldeas, de pobos dispersos nos que sigue vivindo xente a pesar do abandono do medio rural, cada vez máis notable. Con todo, a aldea máis grande do mundo é a súa capital e, á súa vez, case o centro de todo o movemento cultural (e se non, a que viría facer unha megalítica Cidade da Cultura alí?).

A cultura tende a centralizarse nos grandes núcleos de poboación, por lóxica, xa que é aí onde máis xente vai poder ter acceso a ela, pero hai que considerar a peculiaridade do lugar onde vivimos...hai mundo, hai persoas, hai aínda mozos fora das grandes vilas e é a eles a quen hai que chegar, posto que se chegan os móviles de última xeración, a cultura deste país, tan rica e ultimamente tan integradora, non ía ser menos.

Por iso, Aldeas modernas.


11/08/2007

Cando digo turrón...

Nadal, ese estado de ánimo



Dende hai catro anos, vez primeira na que adornei a casa para o Nadal, anda unha bola pululando dun lado a outro: agora enriba dunha mesa, agora colgada dun tirador, agora agachada dentro dun caixón, agora pendurada dalgún cravo da parede...está aí e ninguén lle fai caso, perdeu o seu valor de adorno de Nadal e xa forma parte da atemporalidade do fogar.

O Nadal está perdendo as súas datas de celebración, cada ano atopas máis cedo nos supermercados os turróns, polvoróns, mantecados e demais doces. De feito este ano, xa a finais de outubro, o que me queda máis preto mudaba de sitio aos cruasáns, palmeritas e demais larpeiradas para colocar no seu sitio os doces típicos de Nadal. Non me puiden resistir e merquei turrón de chocolate, pero daí non paso: o turrón, turrón, para Noiteboa, coma sempre.

Nos comercios tamén se nota a inminente (se un mes é inminencia) chegada do Nadal e, anque non ande moito pola rúa adiante, xa me chegan novas de que hai moitos sitios nos que os abetos nevados, os laciños vermellos e algún que outro Papá Noel están invadindo os escaparates.

Aquí na Coruña aínda non é tan grave a cousa, pero en Vigo xa comezaron a colocar as luceciñas nas rúas porque seica non lles daría tempo a telas listas se demoraban a tarefa. Terriblemente terrible. Dicía alguén por aí que nin agardaban a que pasasen Todos os Santos para instaurarnos o espíritu ese que nos ten que invadir, eu digo máis, nin agardan a que pasen os Magostos, as Matanzas...xa é NADAL, estannos dicindo, e eu négome porque ao igual que nunca se viu un outono tan seco e tan pouco seteiro, nunca se viu un Nadal fora dos seus días.

O que queren conseguir é que sexa outra festa atea máis, o cal me parece moi ben, que voltemos a celebrar ese solsticio de inverno como é debido e non outra festa relixiosa máis, que a Igrexa e os bos cristiáns entre beatificacións en masa e parellas de feito con brasileiras non dan feito. De todos os xeitos o consumismo de Nadal hanos de engulir e o que non ande pensando xa nos regalos e na festa de fin de ano, de seguro que se está deprimindo a marchas forzadas. Pode que sexa esa a cuestión que máis lles interesa a quen máis se lucra nesas datas: comercios, grandes superficies e demais: Canto antes te deprimas, canto antes te afagas á idea de que chega o Nadal, antes rematarás indo a gastar os teus cartos de xeito compulsivo invadido pola idea de que o amor e a boa fe son proporcionais, directamente, ao número de regalos materiais que teñas envoltos e gardados no armario.

Non me gusta tanta anticipación, como tampouco me gustaron nunca as presentacións de coleccións de moda do ano que ven. Remátaste facendo á idea de que o día de hoxe non vale para nada, que tes que estar pendente do que pase a semana que ven, que é o que realmente importa e iso tamouco é así.

Eu vou seguir co carpe diem e tentar non verme engulida neste agobio que semella o xornal do día de mañá e que non che da tempo a desfrutar e saborear as cousas que che poden pasar en todas as horas coas que conta o día (e non digamos se aínda faltan 40 días ata ese momento de Noite de paz, noite de amor)

Ah, que me esquecía, seguro que aos nenos tamén lles causa ansiedade.

Flickr Andrés Milleiro: Nadal 2007


11/04/2007

Moda Urbana en Proxecto-ds



Unha cousa leva a outra ou as cousas veñen de dúas en dúas, que di alguén que coñecemos. Pois é certo, se o venres no concerto me chamaba a atención o calzado do baixista rompe amplificadores dos The Homens, Juanma vai pola rúa coa súa cámara inmortalizando os modelos da pasarela urbana de todos os días e amósanos as últimas tendencias en Proxecto-ds - Moda na rúa.

Eu iríalle botar un vistazo e creo que os de Vigo van gañando en modernos.


A Festa de Presentación na NASA

Ir aos concertos é atoparse con moitos amigos e iso fai que apeteza moito máis. O venres na Festa de Presentación dos novos discos de The Homens e Fanny + Alexander eramos uns cantos: Rosa, Harvey, Zerovacas, Mario, Lorena, ghanito, Sak, Kate, Juanma e brunhaven (felicidades con atraso) así de primeiras.

O concerto comezou ás dez e cuarto aproximadamente, bastante puntuais, cousa á que non estamos acostumados. Creo que foi iso o que fixo que gran parte da xente non estivese na primeira actuación de Fanny + Alexander, que se enfrentaron bastante ben aos nervios e á expectación dos que alí estabamos. AK-77 di que o escenario lles quedaba un pouco grande e ben pode ser certo, noutro tipo de ambiente máis tranquilo e acolledor pode que o seu directo se desfrute moito máis.

Pola miña parte darlle a noraboa a Noel e a Efi.

Fanny + Alexander na NASA


Despois de tocar 6 cancións e rematar con Merda de dj foi o turno de The Homens que, coma sempre, nos fixeron saltar e berrar diante do escenario.

Estes rapaces sempre sorprenden nos concertos e se en Valga, no Artenativa, Martiño ensinaba uns calzóns raiados e tiraban bonequiños, o venres na NASA tiraron máis bonequiños, Roi rompeu o amplificador do baixo, Projecto Mourente subiu con eles unha vez máis ao escenario acompañado dos berridos dos seus fans e nun momento, case sen darnos conta, estaba un samesugo (AK-77 dixit) e Alonso co seu acordeón acompañando aos The Homens, tocando todos xuntos.

So faltou que os de Noise Project subisen tamén porque algún deles xa ía preparado co uniforme de raias.

The Homens na NASA


Despois fomos por aí de festa e, coma sempre, pasámolo moi ben. Chegamos a última hora ao Krooner con baixas nas filas pero alí estaban Helena máis o Zé Pequeno dos The Phantom Keys para que o ambiente non decaese.

E como neste blog non hai política de privacidade, tampouco a vou inventar, e so vou poñer unha foto de famosos, a saber: Roi, Efi e Mourente.

Justificar a ambos lados

11/01/2007

Maria Silenzo



Andamos a estas horas ghanito máis eu escoitando Tres de The Homens e Finais dos 70s, comezos dos 80s de Fanny+Alexander con vistas ao concerto do venres na NASA. Despois de darlle un repaso a todas as cancións, neste momento, quedo con María Silenzo e con Ameite tanto. Namorei.

Vídeo de Ameite tanto (adaptación dun poema de Pilar Pallarés)



Aquí María Silenzo por Fanny+Alexander.

E aquí María Silenzo por Ricardo Carvalho Calero.

MARÍA SILENZO

Cabeleira de choiva, ollos de brétema:
María Silenzo, esfarrapada, á espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A tua anguria fala con olladas.
María Nocturna: no peirán, qué esperas?
Polo día non vives?
Naces cada solpor? Cás da primeira estrela?
María Silenzo sempre dura e muda…
Cál é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos
fluien ríos de sono.
Pero tí sempre dura e desvelada,
batida polo vento no peirán…

María Silenzo, eu roubaría
no ceo
a estrela de mel,
na iauga
a estrela de prata,
para che mercar a fala.

Se queres ulir frores
dareiche a fror da lua.

María do Mar. qué barca agardas?
Queres o sol, carne da lua fría?

O sol é un porco-espiño disfrazado.
No mar agora, ourizo do mar durme.
Pescado pola cana do abrinte,
eicho de dar, raiolante e mollado.

María Silenzo, Voz Dormida, fala!

Qué afogado esperas,
María da Sombriza Espranza?

María Silenzo: agardas a tua voz?
As ondas do mar levado roubároncha?

De choiva e vento vestida,
María Silenzo, calada…

10/31/2007

Máis setas


e de paso unha visual á casa de W. Sobchack neste outono seteiro:

Outono II
Searching cogumelos


10/28/2007

O meme das 8 cousas

Como está de dios que as reunións de Beers&Blogs do Corublogs se me resisten por circunstancias varias, voume integrar no grupo doutro xeito (porque nos foros como que tamén participo pouco). Lordmax manda un meme bastante sinxelo:

-Facer un listado de 8 cousas, as que sexan.
-Escribir esas 8 cousas no blogue e explicar como vai o meme.
-Seleccionar a 8 persoas para que o sigan e poñelos no blogue.
-Deixar un comentario no blogue conforme foron convidados a xogar e facendo referencia ao propio post "O meme das 8 cousas"

Pois aí vai, o que saia.

1. A eterna búsqueda da felicidade. Pode chegar a ser algo tan imposible que fai de calquera persoa unha amargada. Ás veces pásame, que non sei disfrutar o momento e que ando pensando nas posibles cousas que poden ir mal, en vez de centrarme no momento e decatarme de que, realmente, nunca fun tan feliz na vida.

2. Meu pai, miña nai e meu irmán. Cada día valoro máis ter familia, ter esta familia. A pesar de todo, que non é pouco.

3. A xente que me quere e que quero. Persoas ás que non coido e que me coidan, ás que nunca lle estarei o suficientemente agradecida. O apoio que recibo penso que nunca é ben pagado e haberá que aprender a facer sentir aos demais todo o que me fan sentir a min.

4. Empatía. Unha cualidade que se debería valorar moito máis.

5. A música, que me uniu a moita xente e me descubre moita máis.

6. A noite. Porque fai que todo se vexa doutro xeito e sempre é preciso outro ambiente no que gastar toda a enerxía que dá a claridade do día.

7. A capacidade de crear. É marabilloso ter ideas, ter proxectos e ser capaz de levalos a cabo.

8. Todo aquelo que conte unha historia, que mereza ser visto, lido e escoitado.

E se queren participar: Gustavo Harvey, Mario, A Raiña Vermella, A rapaza do arco, Zerovacas, Ghanito, Elianinha e Arume dos Piñeiros. Entenderei que non queiran porque, todo teño que dicilo, ás veces os memes non apetecen, pero aí queda.


10/27/2007

Eu quero UTC/GMT +2



Pois si, nin hora menos nin fuso horario distinto. Se me mantivesen esta hora (GTM +2, que bonito que é o verán), ben contenta que quedaba, porque quero horas de luz ao saír de traballar. E dame igual ir desfasada respecto ao sol, porque non soporto tanta escuridade xunta.

Pola contra, dame que haberá que mudar de novo os reloxios. Non me apetece nada.

*Outra opción sería madrugar máis, erguerse co sol e ter xornada continua, pero iso tampouco depende de min.


10/26/2007

Así foi Galeguia...

...O levantador de minas estivo alí.

Estame gustando moito o traballo que andan a facer. A miña noraboa.

Homenaxe a Lois Pereiro



Sempre chego tarde ás cousas o que fai que, en parte, as poida desfrutar moito máis, por ser novidosas e poder descubrilas coma se dunha nena se tratase. Neste caso falo de Lois Pereiro. Merquei no verán Poesía Última de Amor e enfermidade 1992-1995 e quedei sorprendida de que non tivesen chegado a min antes, de ningún outro xeito, os seus poemas.

O martes pasado Sak, Gustavo Harvey máis eu achegámonos ao mesón A Saimia onde os compañeiros de Pereiro "De Amor e Desamor" ofrecían un recital-homenaxe ao falecido monfortino. Seriamos 30 persoas e poidemos ser máis de non ser por Caetano Veloso. Proxectáronse imaxes cedidas pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e recitaron Xoán Abeleira, M.A. Fernán-Vello, Xulio Valcárcel, Xosé Manuel Pereiro (que leu unhas palabras de Manuel Rivas, facéndose a irmandade máis patente por parte dos dous) e outros máis dos que xa non lembro os nomes (Miguel Mato, penso que era quen presentaba). Coma en case todos os recitais aos que levo asistido, a música non podía faltar, e veu da man de César Morán que, ao menos a min, me fixo ver doutro xeito o que é a poesía.

A Caricia da Serpe (que pronto han sacar o seu segundo disco O Sorriso do Diaño) con Lino Braxe á voz, Miguel Ladrón de Guevara á guitarra e Rómulo Sanjurjo ao acordeón, remataron o recital deixándonos a todos un sorriso nos beizos.

Considero que a obra de Lois Pereiro, unha crónica de si mesmo, e a súa figura deberían ter moito máis recoñecemento por parte das autoridades competentes, ou polo menos reflectir a importancia e a admiración que os lectores lle conceden.

Este é o poema que César nos cantou:

(Prayer)

Agora pecha os ollos
e imaxina
que o que escoitas
é unha pregaria atea
dirixida a ti na escuridade
por unha voz invisible e perdida
nos tempos dun amor
ritualizado.

Escoita como atravesa o silencio
ese rumor carnal desesperado
que se achega nocturno á túa existencia
contaxiando cos seus os teuss desexos
e penetrando en ti vaise asentando
inaudible e fatal
nas túas entranas.

xullo,95


Se desta vez vos perdestes o recital na súa homenaxe, os seus compañeiros e amigos manifestaron a intención de seguir realizando un acto similar cada ano na súa memoria. Agardamos o próximo.


10/25/2007

Tempada de setas


seta, por besbe.

Se alguén me di o nome de todas, moi agradecida, porque hai algunhas ás que non llo sei.

10/19/2007

Cousas da vida II

Digo vou e non aparezo, o acto de presencia materialízase noutro lugar. Non te prives pero tampouco te fíes. Habería que falar cinco minutos antes para ter a seguranza de atoparnos.

Por isto e por isto. Para consolarme, merquei poesía.

10/17/2007

Galeguia



Yolanda Castaño vai ser o tema da semana e é por iso que vou procurar non perderme o recital que ofrecerán ela, María Lado, Lucía Aldao, Estevo Creus, Enma Couceiro e Xavier Vásquez Freire este venres 19 ás 19.00 horas no Kiosco Alfonso na Coruña.

Este acto e outros na Galería Sargadelos e na Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela e no CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar) en Vigo forman parte de Galeguia que ten como obxectivo dar a coñecer en Galicia cada ano un país de fala galego-portuguesa. Este ano tócalle a Cabo Verde.

Pois iso, coa polémica servida, vou ir ver recitar a Yolanda, que nunca a vin e apetéceme.

De paso recomendar esta carta que escribe Calidonia: Un erro non amaña outro erro.

10/16/2007

Outro xoves

Esta é Yolanda



e isto é outra historia que non me gusta nada.




Cousas da vida

Son capaz de provocar tanta dor, que será ben tomar analxésicos antes de coñecerme.

10/12/2007

Outro atasco na cidade

Levo media hora no coche. Máis do que tardo andando para chegar ao mesmo sitio. Hai un atasco descomunal na Coruña, 45 minutos máis e será o máis grande que recordo nesta cidade.

Nos atascos comprobas a paciencia e a educación da xente. A Coruña creo que se comporta ben en situacións límite (coma hoxe, sempre que non excedan certo tempo) e reacciona moi mal ante pequenos imprevistos onde se escoitan enseguida os claxons e os berridos.

Aquí os embotellamentos comezan a ser habituais. Case tan normais como a dobre fila. Haille que poñer remedio porque non me parece normal, como non me parece normal que máis da metade dos coches que vexo vaian só co conductor dentro e ninguén máis e que, posiblemente, o traxecto que realicen en coche se poida realizar en transporte público (acaba de para un urbano ao meu carón) ou a andar.

Miro para min...son o típico caso que acabo de describir e, a verdade, non teño moita excusa. Para disimular ben podía subírseme ao coche ese mozo guapo que acaba de pasar ou esa rapaza qeu vai tan lixeira pola beirarrúa, pero a xente non ten iniciativa e non se che sube ao coche nun atasco para darche conversa. Son as 21:11 e parece que isto comeza a moverse...


Pois isto é o que se pode facer nun atasco: escribir. Mañá imos de viaxe e penso que colleremos máis retencións, menos mal que levo boa compaña e me darán conversa.

10/11/2007

Pan



Eu non vou poder ir á estrea e ben que me pesa, polo que non poido facer máis que animar á xente a que vaia vela. Pan, do equipo Volta e Dalle Teatro, está baseado na tradición da malla, pero como di Eliana Martíns, xefa de producción da obra "...non agardes ver unha recreación folclórica da malla. Neste espectáculo, esta tradición perdida simboliza a substitución do modo de vida rural, propio dos galegos e das galegas até hai poucas décadas, pola economía capitalista de hábitat urbano. Queremos un espectáculo moderno e vangardista que bota unha ollada con respecto sobre o que fomos e o que estamos a ser."

A obra ten catro directores que contan catro historias relacionadas coa malla e co modo de traballo que se ten nestas actividades: o traballo en equipo, pero desta vez levado á nosa época actual, ao noso modo de vida. Entre as actrices que se poderán ver encima do escenario estará María Lado.

Son moita xente implicada que fixeron un duro traballo de fondo e a cousa promete, mesmo haberá música en directo e danza. E anque nin este sábado nin o domingo poida ir ao Teatro Principal, gustaríame que alguén fose e mo contase despois. Vos me diredes, e mentres tanto moita merda para eles.

Pan no Teatro Principal
na de Elianinha
na casatlántica
nova en Galicia-Hoxe
nova en La Voz de Galicia